Imaxe: Rocío Castro (Casa de Rosalía)
Imaxe: Rocío Castro (Casa de Rosalía)

Dende hai uns días na Casa de Rosalía hai un novo elemento museográfico que explica de maneira sucinta a localización da estrela Rosalíadecastro e o proceso que levou ao seu nomeamento, impulsado pola nosa agrupación coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Rosalía de Castro. E está situado, ademais, nun espazo de privilexio, o cuarto da escritora, xusto enfronte da súa cama, o leito de morte dende o cal Rosalía pediu que lle abriran a fiestra para ver o mar. A filla, Gala, confirmou moitos anos despois que daquela se vían dende a casa as velas dos barcos que navegaban o Ulla, un río que se enche polas marés da Arousa e que aínda hoxe chaman “mar” na Terra de Iria, segundo conta o web da entidade.

A coidadora da Casa entre 1971 e 1998, a fascinante Maruxa Villanueva, introduciu a tradición de poñer a diario unha rosa ou unha camelia fresca na almofada da cama, costume que se mantén aínda hoxe. Dende alí agora vese un mapa do ceo, a paisaxe da noite que Rosalía contou e cantou nos seus textos.