-Darase a coñecer na Coruña o sábado 5 de outubro durante o V Encontro da Noite

Created with GIMP

O sábado 5 de outubro pola mañá (de 11:30 a 13:45) a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío celebra a primeira parte do V Encontro da Noite, xornada divulgativa sobre contaminación luminosa, preservación da escuridade natural nocturna e posta en valor do patrimonio ambiental e cultural da noite. Esta primeira parte da xornada desenvolverase no local da A. C. Alexandre Bóveda (no edificio do Circo de Artesáns, rúa de Santo André, 36, primeiro andar) e conta co apoio do Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses e a colaboración da A. C. Alexandre Bóveda, que nos presta o seu local. A segunda parte do V Encontro da Noite terá lugar o 30 de novembro na Domus.

A xornada deste sábado comezará ás 11:30 coa presentación de “Viaxe pola noite iluminada”, un xogo de mesa creado pola bióloga alemá Annette Krop-Benesch xunto cos seus fillos Benjamin e Viviane. Ao avanzarmos a través das casas do xogo imos aprendendo os problemas que no medio natural causa a luz artificial, dende unha avelaíña atrapada pola luz dun farol a un escaravello peloteiro que se perde ao non ver no ceo a Vía Láctea ou calquera dos millóns de aves migratorias que cada ano chocan contra edificios iluminados. O coordinador do grupo de traballo sobre contaminación luminosa da Agrupación Ío preparou a versión galega do taboleiro de xogo e as súas instrucións, que dende este sábado contarán con copias impresas grazas ao apoio da empresa láctea Deleite. As persoas que se inscriban e asistan ao V Encontro da Noite levarán de agasallo unha copia do xogo. A autora, Annette Krop-Benesch, fará vía vídeo unha breve introdución.

Despois da presentación do xogo, o investigador e antes profesor da Universidade de Santiago de Compostela Salva Bará falará da necesidade de poñer límites á iluminación global e como unha redución asumíbel dos niveis actuais de iluminación permitiría recuperarmos incluso nas cidades unha paisaxe nocturna de gran calidade. Pechará a mañá Susana Malón, CEO de Lumínica Ambiental, empresa especializada en auditoría enerxética, iluminación exterior e contaminación luminosa. Susana exporá exemplos prácticos de boas intervencións de iluminación en espazos urbanos que contribúen a reducir notabelmente a contaminación luminosa.

A actividade é gratuíta, mais recoméndase a inscrición previa a través deste formulario.