-A conferencia, que se enmarca dentro do ciclo “Coruña científica”, terá lugar o xoves 16 de decembro ás 19:30 no planetario da Casa das
Ciencias.
-A entrada é gratuíta por orde de chegada até completar a capacidade do recinto. É obrigatorio o uso de máscara.
Que sabemos sobre a orixe, a evolución e o destino final do Universo? E sobre os ingredientes que o compoñen? Como sabemos todo isto? Estas son algunhas das preguntas que inspiran a conferencia que impartirá o cosmólogo coruñés Antón Baleato Lizancos este xoves, 16 de decembro, no planetario da Casa das Ciencias. Baixo o título “A cosmoloxía: pasado, presente e futuro do universo”, o astrofísico galego fará unha introdución aos principais achados desta ciencia, describirá os principais interrogantes que ocupan as cosmólogas e cosmólogos na actualidade e faranos coñecer os potentes telescopios e sofisticadas técnicas que se están a empregar. Entre elas, destaca a lentificación gravitacional, unha prometedora fiestra ao Universo invisíbel.
Antón Baleato Lizancos estudou Física Aplicada na Universidade de Columbia (Nova York, EEUU) e logo realizou o seu doutoramento en Cosmoloxía na Universidade de Cambridge (Reino Unido). A súa tese leva por título “Polishing the Lenses: Precise Modelling of Gravitational Lensing and Delensing of the Cosmic Microwave Background”. En outubro regresou aos Estados Unidos para traballar como post-doc no Berkeley Center for Cosmological Physics (UC Berkeley & Lawrence Berkeley National Laboratory, CA).