por Josep Maria Ollé
A descontaminación luminosa non consiste en apagar luces, nin deixar rúas ás escuras, senón en iluminar o xusto e necesario e só onde e cando é necesario para garantir unha correcta visión. É posíbel dar un adecuado servizo de iluminación pública sen apenas producir contaminación luminosa.
A descontaminación luminosa non só é posíbel tecnicamente senón que é moi conveniente economicamente pois a electricidade que consome a iluminación pública pagámola os cidadáns cos nosos impostos e canta menos contaminación luminosa haxa, menos electricidade inútil estaremos a gastar.
Os cidadáns debemos esixir aos nosos xestores políticos e económicos que realicen canto antes actuacións de descontaminación luminosa das nosas cidades. O aforro económico que se obtén pola redución do consumo de electricidade amortiza en pouco tempo o investimento necesario e este aforro debería traducirse, se non nunha diminución dos impostos municipais que pagamos, si nunha mellora dos servizos que recibimos.
Como debe realizarse unha descontaminación luminosa? Que criterios técnicos deben seguirse? Moi sinxelo, basta con empregar o sentido común:
1.- A iluminación pública debe iluminar só o que é público, é dicir, o chan das rúas, non as fachadas nin as xanelas dos veciños e moito menos enviar luz cara ao ceo, que ocasiona unha contaminación luminosa directa.
2.- O nivel de iluminación do chan das rúas debe ser o xusto e necesario para garantir unha adecuada visión que nos permita esquivar as cacas dos cans ou as irregularidades do chan para non tropezar. Sobreiluminar non nos vai dar máis seguridade, ao contrario, se hai moito brillo ou se producen cegamentos a percepción será peor e seranos máis difícil discernir se a persoa que se nos achega vén con cara de amigo ou non. O ollo humano acomódase mellor a niveis baixos de iluminación se hai unha boa uniformidade que a grandes niveis de luz mesturados con sombras. Ademais, un exceso de luz no chan implica unha maior reflexión da luz desde o pavimento cara ao ceo, que produce contaminación luminosa indirecta.
3.- Iluminar só cando é necesario. Non é necesario que as luces dun parque pechado sen acceso público permanezan acesas toda a noite, nin é necesario ter iluminados toda a noite monumentos que ninguén vai mirar.
4.- Utilizar a luz máis inocua posíbel. É dicir, luz cálida nas rúas, como en casa, sen radiacións azuladas. Hoxe a tecnoloxía LED permite usar luz de menos de 3.000K con elevada eficacia. Xa non hai xustificación para o uso de luz fría (4.000K ou máis) para iluminar os espazos exteriores porque as eficacias enerxéticas son similares.
Estes mínimos criterios, baseados no sentido común, son fáciles de aplicar tecnicamente:
1.- As luminarias deben dirixir a luz por debaixo da horizontal, nunca cara ao ceo. Debe redeseñarse a iluminación pública a unha escala humana, é dicir, instalando as luminarias o mais baixas, máis xuntas e coa menor potencia eléctrica posíbel.
2.- Axustar os niveis de iluminación por debaixo dos valores máximos que estableceu o R.D. 1890/2008 polo que se aprobou o regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior.
3.- Usar reloxos ou programadores astronómicos para controlar o acendido e apagado en cada zona iluminada.
4.- Instalar luminarias con tecnoloxía LED de 3.000K ou menos nas rúas das cidades ou LED PC-ámbar en zonas que requiren maior protección á contaminación luminosa.
Aínda que pode ter aplicación nalgunhas zonas, non é necesario instalar de forma xenérica sistemas de xestión centralizada tipo punto a punto. Os custos da súa instalación e mantemento aínda non o xustifican.
E que aforros económicos se poden conseguir? Depende do tipo de iluminación existente. Como caso exemplo temos o aforro dun 92 % obtido na praza Antonio Correig de Reus:
Como pode apreciarse na foto eliminouse a luz que se dirixía directamente ao ceo e tamén a luz intrusa que se introducía nas vivendas, e o espazo público segue ben iluminado. A potencia eléctrica das luminarias pasou de 250w a 20w. Só se substituíu a luminaria esférica por unha nova luminaria con FHS=0, como a que se mostra na esquina superior dereita da fotografía. A columna e o resto da instalación non se tocou, polo que o custo da descontaminación foi ínfimo comparado co aforro dun 92% anual en consumo de electricidade.
Aínda que pareza paradoxal, nas zonas urbanas tamén se pode descontaminar substituíndo as lámpadas de vapor de sodio de alta presión e axustando a altura das luminarias e os niveis de iluminación, tal como se fixo na rúa Closa de Mestres. Neste caso baixáronse as luminarias de 8m a 6m de alto e se substituíron as luminarias de 150w de sodio de alta presión por luminarias de 35w e luz de 3.000K. Deste xeito reduciuse o excesivo nivel medio de iluminación de 30 lux a 12 lux para cumprir así co R.D. 1890/2008.
Ao substituír a luz das lámpadas de vapor de sodio de alta presión por unha luz cálida de 3.000K a percepción do ollo é mellor. Isto pode apreciarse na foto de despois da descontaminación coas cores dos colectores de lixo. Na fotografía de antes, os colectores de lixo están na beirarrúa da dereita antes do cruzamento. Esta mellor percepción permite baixar o nivel de iluminación sen que a sensación de seguridade diminúa.
Neste caso substituíronse as luminarias e os brazos que as sustentaban. O resto da instalación eléctrica mantívose e obtívose un aforro dun 76% no consumo de electricidade. Nas fotos pode apreciarse como a luz nas fachadas queda por baixo do primeiro piso, permitindo aos veciños durmir no verán coas xanelas abertas sen molestias por luz intrusa.
Estes dous exemplos son sinxelos e abarcan espazos pequenos mais mostrámolos por seren moi significativos. Poderiamos presentar moitos máis casos de descontaminación luminosa que implicaron considerábeis aforros no consumo de electricidade sen que iso representase unha diminución na visión nocturna dos cidadáns ou menor seguridade.
Debemos ter presente que moitas das últimas iluminacións realizáronse cando en España criamos ser ricos e sen os coñecementos que hoxe se teñen dos efectos negativos da contaminación luminosa.
Agora, coa nova situación económica que vivimos, imponse reverter a situación da excesiva iluminación que se instalou. Da concienciación cidadá e da presión que os cidadáns exerzan sobre os seus xestores políticos e económicos dependerá a dilixencia con que se acometan as produtivas actuacións de descontaminación luminosa.
Sen dúbida, a descontaminación luminosa é moi rendíbel económica e politicamente. A tecnoloxía necesaria existe e o investimento recupérase en pouco tempo co aforro no consumo de electricidade, só falta a vontade política de facelo. En fin, depende de nós, os que pagamos os impostos.
* * *
José María Ollé Martorell é profesor de Luminotecnia da Universidade Rovira e Virgili de Tarragona e técnico municipal da iluminación de Reus. O artigo foi escrito como complemento ao caderno “A Fondo” de contaminación luminosa publicado por Sermos Galiza e apareceu primeiro no sitio web do semanario o 9 de outubro de 2016.