Hoxe xoves 11 de novembro a Agrupación Ío organiza unha conferencia no Planetario da Casa das Ciencias a cargo do noso compañeiro Xabier Pérez Couto, matemático e divulgador científico que mantén a canle de Youtube sobre astronomía AstroXabi. A conferencia comezará ás 19:30 e a entrada é gratuíta e por orde de chegada para o público xeral. É obrigatorio o uso de máscara.
A conferencia tratará a orixe e evolución dos diferentes catálogos astronómicos ao longo da historia, os cales constitúen unha das primeiras publicacións científicas da antigüidade. Comezará abordando os de maior relevancia histórica, desde as primeiras compilacións de estrelas da Antiga Mesopotamia até as primeiras listaxes de obxectos astronómicos do ceo profundo como o coñecido Catálogo Messier. A continuación, afondará nos documentos máis empregados na actualidade polos científicos e as científicas, tanto no eido da divulgación (Anuarios) como no da investigación (Bases de datos). Estas últimas son indispensábeis para levar a cabo calquera investigación na astronomía e na charla coñeceremos cales son as máis importantes e aprenderemos a utilizalas.