O ciclo de astronomía Coruña Científica organiza unha conferencia sobre física de partículas
– Celebrarase o domingo 6 de outubro de 2019 ás 19:30h no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío coa colaboración dos Museos Científicos e o apoio do Concello da Coruña.
– A entrada é gratuita, os convites repartiranse dende as 19:00h na Casa das Ciencias por orde de chegada.
A charla leva por título “Astropartículas, unha mirada diferente ao cosmos” e será impartida por Alberto Aparici, físico e divulgador científico no Institut de Física Corpuscular da Universitat de València e o CSIC (@IFICorpuscular) e participa en diversos programas: Brujula de Onda Cero (@BrujulaOndaCero), Más de Uno (@MasDeUno) e El Aleph (@AlephPodcast).
No seu relatorio, o conferenciante explorará a relación entre a física de partículas e a cosmoloxía. A física de partículas é a ciencia que estuda a materia reducida á súa mínima expresión: cando a maioría das estruturas coñecidas, como moléculas, átomos e núcleos, rómpense e deixan paso aos obxectos que hai no seu interior. No universo hai moitos sistemas sometidos a esas condicións extremas, e esos lugares son emisores naturais de partículas, a veces a enerxías moi por enriba do que podemos conseguir nun laboratorio. Nesta charla explicaranse algunhas propiedades fundamentais das partículas e falarase de como podemos detectar os diversos tipos de partículas que veñen do cosmos e de que información podemos extraer delas. A miúdo esta información é moi interesante para entender os obxectos astrofísicos, pero nalgúns casos tamén pode abrirnos unha fiestra a propiedades fundamentais da teoría cuántica.
A conferencia terá lugar este domingo 6 de outubro ás 19:30h no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña con entrada libre ata esgotar aforo. Os convites para acceso á sala repartiranse por orde de chegada dende ás 19:00h.