-Terá lugar na Domus o xoves 19 de agosto ás 19:30 horas con entrada gratuíta e capacidade limitada. As invitacións repartiranse por orde de chegada desde as 19:00 horas.


Baixo o título «O Telescopio Espacial James Webb: mirando cara atrás no tempo», a enxeñeira principal de sistemas do Centro Espacial Goddard da NASA Begoña Vila compartirá os seus traballos sobre o telescopio máis grande e complexo nunca lanzado ao espazo o vindeiro xoves 19 de agosto ás 19:30 h na Domus. Cun espello composto doutros máis pequenos, un parasol grande que se abrirá en órbita e instrumentos que funcionarán a -230°C, o Telescopio Espacial James Webb (JWST) axudará a ver a infancia do noso Universo e a descubrir planetas candidatos para a vida. Nesta charla, Vila afundará na nova etapa da exploración espacial que se abre grazas ao JWST, que entrará en órbita en novembro de 2021.

Esta actividade gratuíta está organizada polos Museos Científicos Coruñeses e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Para asistir é preciso recoller na entrada da Domus unha invitación desde media hora antes de que comece a conferencia, rexistrarse e portar máscara durante todo o tempo que se permaneza no museo.

A doutora Begoña Vila Costas é a encargada de dous dos instrumentos do JWST, un deles o Fine Guidance Sensor, responsábel da orientación e estabilidade do observatorio. Tamén está encargada das operacións dos instrumentos do JWST despois do seu lanzamento. Ao longo da súa traxectoria, Vila recibiu múltiples recoñecementos como a NASA Exceptional Public Achievement Medal, en 2016, ou o Premio María Josefa Wonenburger da Xunta de Galicia, en 2017. Begoña Vila é ademais unha activa divulgadora científica sobre o JWST e os programas CTEM, entre outros temas.