De onde veñen os elementos químicos, do carbono e o osíxeno ao ferro e o chumbo, que forman o noso mundo e nos forman a nós mesmos? Como dixo William Fowler cando recibiu o premio Nobel en 1983, “todas e todos nós somos verdadeira e literalmente po de estrelas”. Isto débese a que grande parte dos materiais de que estamos feitos produciuse dentro das estrelas, onde as altas temperaturas e densidades provocan as reaccións de fusión nuclear que producen elementos cada vez máis pesados.
A busca da orixe dos elementos químicos combina física nuclear teórica e experimental, astronomía observacional, modelado astrofísico e teoría cosmolóxica porque exixe o coñecemento tanto das propias reaccións nucleares como dos sitios astrofísicos onde estas se producen. É a chamada “Astrofísica Nuclear”.
As mulleres científicas foron unha parte esencial do desenvolvemento da astrofísica nuclear, xa que fixeron enormes contribucións en forma de observacións astronómicas, identificacións visuais e espectroscópicas, clasificacións e catálogos de estrelas, predición e descubrimento de obxectos estelares, deseño e construción de instrumentación, descubrimentos teóricos e experimentais de materiais nucleares, explicacións físicas, derivacións matemáticas e interpretacións químicas de todas as cousas – na galaxia e máis alá.
Para celebrarmos estas achegas ao longo do próximo ano 2021, lembramos en formato calendario doce mulleres destacadas que axudaron a desenvolver a astrofísica nuclear. Como explica Christine Hampton, que deseñou o calendario, “queremos presentar modelos a seguir para animar a mocidade a escoller a astrofísica nuclear como carreira e educar a todas as persoas sobre o importante impacto que as mulleres tiveron e seguen a ter no desenvolvemento de astrofísica nuclear”.
“Mediante un excelente traballo en equipo promovido pola acción COST ChETEC, traducimos o calendario a 24 idiomas diferentes”, agrega Maria Lugaro, a coordinadora do proxecto. “Deste xeito poderá gozar del a xente de moitos países”. A versión en lingua galega foi preparada pola astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla Miguel e o noso compañeiro da Agrupación Ío Martin Pawley. O calendario en galego pode descargarse premendo aquí (PDF, 18 MB). Podedes atopar as versións noutros idiomas nesta ligazón.
Os patrocinadores principais do proxecto son COST ChETEC Action (CA161167, Chemical Elements as Tracers of the Evolution of the Cosmos), o Joint Institute for Astrophysicics (JINA-CEE) nos Estados Unidos e a Rede Internacional IReNA de Astrofísica Nuclear. Para calquera consulta sobre o proceso de creación do calendario, as persoas de contacto son Maria Lugaro (maria.lugaro [AT] csfk.mta.au) para Europa e Christine Hampton (hamptonc999 [AT] gmail.com) para os Estados Unidos.