Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Febreiro 2018 #1
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) O Boletín #19 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) xa está dispoñíbel en liña
2) Cursos de astrobioloxía en liña da IAU
3) Novas de Alxeria
4) A que se parece o asteroide Ryugu?
5) Día Internacional da Luz – Propostas de programas astronómicos
6) Campañas Globe at Night
7) Proxectos de ciencia baseados en enquisas para estudantes de astronomía
8) Pinta de ciencia
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
0) Nota dos editores
Agardamos que tiverades uha fantástica eclipse lunar o 31 de xaneiro. Ademais de gozar do marabilloso espectáculo do trío Lúa-Terra-Sol “preparado” aquí na nevada Toquio, estamos desexando ter noticias de todas as actividades que tiveron lugar en todo o mundo. Estade atentos ao próximo número no que compartiremos exemplos da colaboración internacional que xorde destes eventos.
O noso equipo estivo ocupado producindo o novo número da revista CAP. Un interesante novo número está á volta da esquina, así que non perdades o aviso que lanzaremos máis adiante este mes. Ademais, queremos darlle unha cálida benvida a Gabrielle Simard de Canadá. Doutorada en Astrofísica, Gabrielle estará con nós até marzo e será a nosa axudante de proxecto para a Rede de Tradución Astronómica.
Neste número poñemos o foco no último boletín da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento e as campañas actuais de Globe at Night. Ademais, recomendámosvos consultar os últimos proxectos de ciencia do Observatorio Nacional de Escolas para os estudantes de astronomía.
Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) O Boletín #19 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) xa está dispoñíbel en liña
O Boletín #19 da IAU OAD xa está en liña. O boletín difúndese trimestralmente desde a Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento. Algúns aspectos destacados deste boletín son o anuncio da selección de propostas recibidas en 2017, pola cal 16 proxectos foron elixidos para obter financiamento en 2018; a contribución da doutora Wanda Diaz-Merced da OAD ao proxecto “A Message from Earth”; e un tributo e a recreación do Disco de Ouro da Voyager no 40º aniversario da misión Voyager.
O arquivo de todos os boletíns da OAD está dispoñíbel no sitio web neste enderezo.
2) Cursos de astrobioloxía en liña da IAU
O grupo de traballo IAU de Educación e Formación en Astrobioloxía anuncia o lanzamento da súa primeira plataforma de cursos en liña de astrobioloxía. Os cursos en liña de astrobioloxía presentan conferencias de calidade sobre diferentes disciplinas relacionadas coa busca da orixe da vida, e foron deseñadas para estudantes graduados e post-docs, mais tamén para as persoas curiosas e interesadas entre o público xeral. Ofrecen as charlas expertos internacionais e na actualidade están dispoñíbeis en francés, inglés e español.
Os cursos poden atoparse en http://astrobiovideo.com e están actualizándose constantemente.
3) Novas de Alxeria
16º Festival de Astronomía Popular en Alxeria
O noso Contacto de Divulgación Nacional Jamal Mimouni convídavos ao tradicional Festival Nacional de Astronomía Popular, que chega ao seu 16º ano. O festival ten lugar do 22 ao 24 de marzo de 2018 en Constantine, Alxeria. O tema do festival deste ano é “O Universo Vibrante”. Trátase de cousas con forma de onda, das ondas gravitacionais ás electromagnéticas, os neutrinos oscilantes e moito máis… O festival contará cunha Feira Astronómica, conferencias e obradoiros. As actividades son multilingües e un certo número delas farase en inglés, mentres que as outras desenvolveranse en francés e árabe.
Podes saber máis do festival neste sitio web: http://www.siriusalgeria.net/salon018.htm
4) A que se parece o asteroide Ryugu?
O explorador de asteroides Hayabusa2 está achegándose velozmente ao seu destino. Entre xuño e xullo de 2018 a sonda alcanzará o asteroide (162173) Ryugu e empezará a investigar este pequeno mundo. JAXA (Axencia de Exploración Aeroespacial do Xapón) lanza o desafío de imaxinarmos que é o que Hayabusa2 vai capturar. A organización convida a museos de ciencia, planetarios, observatorios públicos e outros centros con actividades relacionadas co espazo a converterse en “nodos” e axudar a reunir a máis creativa imaxinería en todo o mundo. As solicitudes para converterse en nodo serán aceptadas até finais de febreiro de 2018.
Os detalles podedes atopalos neste sitio web: http://www.hayabusa2.jaxa.jp/topics/20171227_e/
5) Día Internacional da Luz – Propostas de programas astronómicos
UNESCO inaugura o primeiro Día Internacional da Luz na súa sede de París, Francia, o 16 de maio de 2018. Os numerosos eventos que terán lugar en todo o mundo ese día animan a espertar conciencia das moitas maneiras en que a luz ten impacto na sociedade moderna e de como os avances na ciencia e a tecnoloxía baseada na luz poden axudarnos a acadar os obxectivos de educación e desenvolvemento sostíbel. Ademais de animarvos a participar nestes eventos, chamamos a todas as persoas que organizan actividades relacionadas coa astronomía en todo o mundo para que as compartan e poidamos dalas a coñecer a través dos nosos canais. Se estás planificando actividades do Día Internacional da Luz relacionadas coa astronomía, por favor fáinolo saber vía outreach@iau.org.
6) Campañas Globe at Night
Globe at Night é unha campaña internacional de ciencia cidadá cuxo obxectivo é a concienciación sobre o impacto da contaminación luminosa ao convidarnos a medir o brillo do ceo nocturno e compartir as nosas observacións. É doado participar, todo o que precisas é un ordenador ou teléfono intelixente. Non perdas ningunha das campañas Globe at Night de 2018 en https://www.globeatnight.org/5-steps.php.
7) Proxectos de ciencia baseados en enquisas para estudantes de astronomía
Desde 2004, o Observatorio Nacional de Escolas (NSO) proporciona acceso libre ao telescopio de dous metros de Liverpool a estudantes e profesorado de todo o Reino Unido e Irlanda, e acceso limitado a calquera persoa no resto do mundo. Na actualidade ten máis de 4000 usuarios que de forma periódica conectan cos recursos do sitio web e máis de 125000 observacións por telescopio solicitadas desde o seu nacemento. Como parte destes recursos, o NSO desenvolveu unha ampla actividade de investigación en grupos abertos achegando material de fondo aos estudantes, datos e instrucións para produciren os seus propios diagramas de cor-magnitude (ou diagramas observacionais Hertzsprung-Russell). Anímase aos estudantes a subir e discutir os seus resultados no foro.
Esta é á páxina de inicio da actividade: https://www.schoolsobservatory.org/discover/projects/clusters/main
8) Pinta de ciencia
“Pinta de ciencia” é unha organización sen ánimo de lucro que leva algúns dos máis brillantes científicos ao voso pub local para discutir convosco as súas últimas investigacións e descubrimentos. Non precisas ter ningún coñecemento previo para asistir a estas conversas. Velaí unha grande oportunidade para coñecer persoas que toman parte no futuro da ciencia (e tomar unha pinta con elas). O festival decorre durante uns días en maio cada ano e ocasionalmente celebra eventos noutros meses.
Subscríbete á listaxe de correo “Pinta de ciencia” para ser o primeiro en ter as últimas noticias: https://pintofscience.co.uk/about/
9) Encontros e actividades globais de 2018
Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!
a) Conferencia Internacional “Novas Perspectivas en Educación Científica”
Datas: 22 e 23 de marzo de 2018
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/
b) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/
c) Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
Datas: do 3 ao 8 de abril de 2018
Lugar: Liverpool, UK
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2018/
d) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18
e) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik
f) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
g) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/
h) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE) & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.