Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Agosto 2019 #2 – Especial IAU100 nº 9

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Máis de 125 países de todo o mundo celebraron os 50 anos da chegada á Lúa
2) Campaña mundial IAU100 NameExoWorlds
3) A exposición “Arriba e máis aló” segue a percorrer o mundo
4) O planetario UNIPAMPA inspira a miles de persoas no sur do Brasil
5) O programa ArAs forma profesorado en Palestina
6) Día da Astronomía no Observatorio Real de Bélxica
7) Convértete en mentor ou mentora de Escolas Einstein
8) Reunións e eventos globais
9) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
10) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Logo do éxito incríbel dos eventos do 50º aniversario da chegada á Lúa en máis de 125 países, seguimos o noso camiño e preparámonos para a próxima aventura que celebre a astronomía en todo o mundo por medio do centenario da IAU. Neste número, queremos destacar a campaña IAU100 NameExoWorlds, a exposición “Arriba e máis aló” e animarvos a que vos convirtades en mentores ou mentoras de Escolas Einstein.

Queremos mandarlles un cálido agradecemento aos equipos nacionais que lideran as campañas IAU100 NameExoWorlds en cada país e rexión. Hai agora máis de cen programas que celebran coas súas comunidades a oportunidade única de poñerlles nome a exoplanetas seleccionados e as súas estrelas anfitrioas. Por favor, seguide os nosos canais para saber máis sobre os eventos nacionais que se organicen.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

Jorge Rivero, en nome da Secretaría IAU100

1) Máis de 125 países de todo o mundo celebraron os 50 anos da chegada á Lúa

A celebración “Moon Landing 50” foi concibida como un proxecto global IAU100 para celebrar o 50º aniversario da chegada do ser humano á Lúa en 1969. O proxecto supuxo a maior acción coordinada de celebración do aniversario en todo o mundo, con máis dun millón de persoas participando en eventos en 128 países.

Podes ler aquí máis información: https://www.iau-100.org/moonlanding50-highlights

2) Campaña mundial IAU100 NameExoWorlds

A Unión Astronómica Internacional organiza a campaña global IAU100 NameExoWorlds que lle dá a cada país do mundo a oportunidade de poñerlle nome a exoplanetas seleccionados e as súas estrelas anfitrioas. Case cen países están actualmente organizando campañas nacionais que lle darán ao público a oportunidade de propoñer nomes e votalos. Convidamos a todas as persoas a que vaian ao noso sitio web oficial para descubriren máis sobre os programas nacionais e teren a oportunidade única de designar un exoplaneta e a súa estrela.

3) A exposición “Arriba e máis aló” segue a percorrer o mundo

A exposición itinerante “Arriba e máis aló” da IAU100 que destaca cen anos de descubrimentos astronómicos continúa a ser mostrada en todo o mundo. A exposición está na actualidade en Irlanda, mentres as versións reducidas ou en formato póster seguen mostrándose noutros lugares do planeta.

Podes saber máis sobre a exposición aquí: https://www.iau-100.org/exhibition-update

4) O planetario UNIPAMPA inspira a miles de persoas no sur do Brasil

Co obxectivo de introducir a estudantes e público xeral na astronomía, o planetario móbil UNIPAMPA, co apoio da Secretaría IAU100, visitou xa dez cidades da rexión de Pampa (Brasil) e chegou a máis de 200 docentes e máis de oito mil rapaces e rapazas.

Tes máis información sobre o proxecto nesta ligazón: https://www.iau-100.org/unipampa-planetarium

5) O programa ArAs forma profesorado en Palestina

O programa de formación astronómica de docentes ArAs achega formación actualizada sobre educación astronómica a máis de 60 profesores e profesoras de ciencias de secundaria e bacharelato en Palestina.

Máis información: https://www.iau-100.org/aras-palestine

6) Día da Astronomía no Observatorio Real de Bélxica

O 21 de setembro, dentro das celebracións do centenario da IAU, o Observatorio Real de Bélxica celebra unha xornada de portas abertas no Día da Astronomía, organizado polo Planetario de Bruxelas, en colaboración coa FFAAB (Federación Francófona de Astronomía Amadora de Bélxica) e a VVS (Vereniging Voor Sterrenkunde, “asociación de astronomía”). O programa inclúe visitas aos telescopios do Observatorio, sesións de observación solar durante o día e das estrelas pola noite, conferencias, visitas aos postos das asociacións de astronomía amadora e numerosas actividades para os nenos e nenas.

Podes atopar máis información aquí: https://www.facebook.com/events/3226320454052531/

7) Convértete en mentor ou mentora de Escolas Einstein

O programa “Escolas Einstein”, un proxecto global das celebracións do centenario da Unión Astronómica Internacional, está buscando mentores ou mentoras que animen a estudantes de secundaria e bacharelato en todo o mundo para atraelos á astronomía e ciencias afíns.

Descubre máis información sobre como participar no proxecto aquí: https://www.iau-100.org/ensteinschools-mentors-call

8) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

b) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

c) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

d) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

e) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

9) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.