Organizada pola Agrupación Astronómica Ío este venres 23 de xaneiro ás 19:30 terá lugar no MUNCYT da Coruña unha charla do físico e divulgador científico Dosi Veiga co título APOD NASA 2014, Un ano de astronomía en galego.
O Astronomy Picture Of the Day (APOD) da NASA é un sitio web en funcionamento desde 1995 que publica cada día unha fotografía de temática astronómica comentada. Ao longo do ano a variedade de temas tratados é moi grande e iso permite construír coas fotos un percorrido fascinante polos últimos descubrimentos e noticias deste campo da ciencia. Dende hai uns anos é tradición que un dos responsábeis do sitio web da NASA, Jerry Bonnell, dea unha charla en Nova York xusto despois das vacacións de Nadal na que expón e analiza as fotografías máis destacadas do ano anterior.
Introducimos esta tradición do ano novo en Galicia da man dun dos tradutores ao galego desta páxina, Dosi Veiga, que ademais pertence ás xuntas directivas da Asociación Galega para a Comunicación e a Cultura Científica e Tecnolóxica e da Federación de Asociacións Astronómicas de España. A actividade, dirixida ao público xeral e de entrada libre, forma parte do programa do Ano Internacional da Luz 2015, que a UNESCO declarou aberto nun acto celebrado en París este mesmo luns.
Pingback: As imaxes achegadas pola NASA á Rede, ao detalle este venres na Coruña | Código.gal