Agrupación Astronómica Coruñesa Ío
www.agrupacionio.com / formacion@agrupacionio.com
Persoa de contacto: Paula Neira (676513394)
Data: 10/08/2017
Nota de prensa
A investigadora Zaira Modroño pronunciará unha conferencia sobre exoplanetas o próximo 14 de agosto ás 19:15 horas na Casa das Ciencias da Coruña.
O 14 de agosto, a investigadora especializada en exoplanetas, Zaira Modroño, impartirá unha conferencia acerca de “Os mundos doutras estrelas” ás 19:15 h. no Planetario da Casa das Ciencias de carácter gratuíto.
A Doutora Zaira Modroño expoñerá o luns 14 de agosto ás 19:15 h. no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña unha conferencia acerca de “Os mundos doutras estrelas”. A investigadora guiará á audiencia nunha viaxe que lles achegará aos planetas máis destacados que se localizan fóra do noso sistema solar. Esta viaxe serviralle de apoio para explicar que é a zona de habitabilidade, que podemos facer para saber se os planetas teñen atmosfera, que son as estrelas M, etc. A conferencia é gratuíta. O acceso require entrada que se poderá recoller do partir do día
11 de agosto na Casa das Ciencias ata completar aforamento (80 persoas).
Zaira Modroño, de orixe galega, obtivo o seu doutoramento no Instituto de Astrofísica de Andalucía, en concreto, no grupo de investigación do espectrógrafo CARMENES. Actualmente, a Dra. Modroño traballa na Universidade de Chile. A súa investigación céntrase principalmente na procura de exoplanetas compactos e de pulsacións en ananas de tipo espectral M usando espectrógrafos de velocidades radiais alimentados por fibras ópticas. En concreto, lidera as campañas de observacións con HARPS-N do proxecto Cool Tiny Beats, do que naceu o proxecto Pale Rede Dot responsable do descubrimento de Proxima Centauri B. Zaira tamén está activamente involucrada no desenvolvemento de instrumentación.
Esta conferencia inaugurará o programa “A nosa Estrela”, un proxecto enmarcado dentro do Plan de acción “Cultura de Barrio” desenvolvido desde a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña e o IMCE co fin de descentralizar a actividade cultural da nosa cidade e achegala aos barrios. Desde o 14 de agosto ata o 9 de setembro, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío levará a cabo unha serie de actividades de carácter sociocultural e científico que ten como obxectivo dar a coñecer o Sol entre os veciños da Coruña.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío constitúese en 2002 como resposta á inquietude dun grupo de afeccionados á Astronomía co dobre obxectivo de gozar do ceo estrelado e contaxiar esa paixón a outras persoas. Nestes quince anos creceu paulatinamente e no últimos tres duplicou a cifra de persoas asociadas. Na actualidade, está formada por 150 socias e socios, 20 satélites (socios/as infantís de 0 a 13 anos) e 3 entidades colaboradoras. É a asociación con maior número de membros de Galicia e a sétima de España.