As veloces transformacións na tecnoloxía de iluminación LED propiciaron un cambio masivo a este sistema. Por todo o planeta os concellos están optando por substituír os vellos farois por luces LED de maior eficacia enerxética. Infelizmente, estes cambios tamén traen desinformación sobre os LED, os ceos escuros, a seguridade e o medio ambiente.
Mito #1: O uso dos LED reduce a contaminación luminosa e é “bo para os ceos escuros” porque teñen unha alta eficiencia enerxética.
Si, os LED teñen máis eficiencia enerxética, mais iso pode ironicamente conducir a termos máis luz pois as cidades gastan o diñeiro que aforran en electricidade en poñer máis iluminación. Na maioría dos casos, sobre todos nos Estados Unidos, hai unha tendencia a usar máis unha cousa, e non menos, cando o seu prezo de produción e distribución baixa. É o que en economía chaman “paradoxo de Jevons”.
“Os gobernos e os ecoloxistas xeralmente asumen que a mellora de eficiencia reducirá o consumo e que iso é per se unha política efectiva en favor da sontenibilidade, ignorando a posibilidade de incremento que anuncia o paradoxo”, di o investigador Blake Alcott, que inventou o termo.
O cambio masivo [ao LED] é particularmente susceptíbel de experimentar o paradoxo de Jevons porque a demanda mundial de luz segue a exceder o subministro e as cidades alumean a maiores niveis porque os LED fan que engadir luz sexa máis barato.
Mito #2. O uso de LED reduce a contaminación luminosa e é “bo para os ceos escuros” porque fai máis fácil controlar onde se manda a luz cara ao chan.
De acordo cunha nota de prensa que é representativa de moitas outras, “o LED é mellor para confinar a luz cara ao chan e así non se envía ao ceo”. Hai algo de certo nisto, mais infelizmente tamén trae un maior cegamento, que pon os condutores e peóns en risco. Moitas lámpadas LED fan realmente pouco por controlar a forma exacta da saída de luz.
Unha curiosidade: o brillo superficial do LED branco comercial é aproximadamente 1/30 do brillo superficial do Sol, e o brillo superficial non varía coa distancia á fonte.
A razón pola cal este mito non é verdade é que a luz de lonxitude de onda curta (azul) dispérsase moito máis pola atmosfera cá luz de lonxitude de onda longa (vermella), incluso se a emite unha lámpada completamente apantallada. De acordo cunha investigación recente, reemprazar a vella tecnoloxía por LED branco probabelmente vai aumentar o brillo do ceo, mesmo aínda que o número total de luminarias non varíe.
Mito #3. A luz LED aumenta a seguridade do tráfico.
Non hai evidencia académica para isto. Hai quen asegura que as cores máis vívidas que proporciona o LED branco melloran dalgunha maneira a seguridade do tráfico, mais non se explicou até o momento a que se debería. Un estudo non publicado de Nancy Clanton, investigadora da iluminación e deseñadora, amosou que a cor da luz pode influír na capacidade de ver obxectos en movemento pola noite. Mais ninguén parece coñecer como afecta de verdade a cor á seguridade do tráfico. Polo de agora non hai evidencias concluíntes de que a luz LED mellore a seguridade do tráfico.
Mito #4: A iluminación LED mellora a seguridade das persoas ao disuadir a criminalidade.
De maneira equivalente, non podemos asegurar unha cousa nin a contraria. Polo de agora, a maioría das investigacións céntranse no brillo da luz e ignoran a cor e outras características. E os LED teñen o potencial de diminuír a seguridade porque crean contrastes moito maiores, o cal aumenta a crueza das sombras. Xuntade a isto a sobreiluminación e o resultado é que a iluminación LED pode ir en detrimento da nosa seguridade, independentemente da súa cor.
Mito #5. O aforro de enerxía dos LED reduce de maneira automática a pegada de carbono, o cal é mellor para o medio ambiente.
Outra vez máis, iso depende de como usemos a luz. Cada LED individual produce máis luz con menos electricidade (e menos diñeiro) cá maioría das outras tecnoloxías de iluminación. Iso non se discute. Mais só aforramos carbón e custos se mantemos a mesma cantidade de luz en uso. Infelizmente, iso non está acontecendo (ver arriba o paradoxo de Jevons). Se o paradoxo se cumpre, o mundo demandará máis luz a medida que o prezo da súa produción diminúa. Iso vale tanto para a electricidade como para o custo dos equipamentos, que está baixando velozmente.
Outro asunto é o custo de carbón e diñeiro na produción da iluminación LED e as preocupacións medioambientais unha vez que a iluminación quede obsoleta. Igual que nos preocupamos pola eliminación das lámpadas compactas fluorescentes e a contaminación por mercurio, teremos que lidar cos LED e algúns noxentos metais pesados.
Por último, para falarmos de se é “mellor para o medio ambiente” deberíamos tamén ter en conta o impacto desta luz (en especial a luz azul) sobre as plantas, os animais e a saúde humana. Infelizmente, raras veces se fai iso.
A tecnoloxía LED ten moito potencial para reducir a contaminación luminosa… se se manexa ben. Se non, pode facer que as cousas empeoren. Os concellos deberían considerar todos os aspectos antes de poñer en marcha a instalación de iluminación LED nas rúas. Para coñecer as recomendacións da IDA, consulten a Guía Práctica dos LED [en inglés].
Versión galega do artigo 5 Popular Myths About LED Streetlights, publicado no sitio web da IDA, International Dark-Sky Association. Tradución: Martin Pawley.