Cada ano somos testemuñas de ducias de novas investigacións verbo dos efectos da luz artificial na noite sobre varias especies da vida natural. Moitos xa coñecemos o impacto da contaminación lumínica en animais como avelaíñas, aves migratorias e tartarugas mariñas, pero hai outros se cadra non tan familiares. Velaquí tres exemplos:
1.- Coral
Como se o coral non tivese abondo -descoloración, acidificación oceánica e pesca de arrastre- un novo estudo suxire que a contaminación luminosa podería ameazar a súa reprodución.
Os e as investigadoras observaron corais do Grande Arrecife de Coral e atoparon que a desova anual coralina depende dunha intricada mestura de condicións, co luar xogando un papel crucial. Sen embargo, a luz artificial compite coa do luar e se cadra impide aos corais desovar.
Malia careceren de cerebro, os corais contan cun ramificado sistema nervioso que lles permite transmitir sinais como resposta a cambios sensibles nas condicións de luz a nivel celular. O estudo suxire que o detonante da ceiba de células sexuais nos corais é unha proteína semellante á molécula fotosensible melanopsina. Nos mamíferos, a melanopsina desempeña un papel importante na sincronización de ritmos circadianos no ciclo cotián día-noite.
Os efectos da luz na temporización da desova revisten especial importancia xa que a reprodución sexual é vital para a supervivencia do arrecife. Esta descuberta podería axudar a orientar plans de protección de arrecifes e ecosistemas mariños.
2.- Ualabís
Outro estudo descubriu que as nais ualabí expostas a luz artificial na noite daban a luz case un mes despois que aquelas vivindo só baixo a luz natural de lúa e estrelas.
O calendario de apareamento ualabí é ben específico. Aparean en outubro e a diminución de horas diúrnas nesa época do ano fai que as femias grávidas produzan melatonina, unha hormona relacionada coa regulación dos patróns sono-vixilia. A cambio, a melatonina incrementa os niveis de proxesterona, o que posibilita que o feto estea listo para nacer exactamente seis semanas logo do solsticio, momento no que a duración do día e a temperatura sonlles ideais.
Por desgraza, a luz artificial no contorna nocturna dos ualabís frustra a habilidade de detectaren a diminución de luz diúrna. Isto rebaixa a produción de melatonina, atrasando os partos un mes enteiro de promedio. Segundo o estudo, «estes resultados advirten que a contaminación lumínica urbana podería ter un impacto profundo na desincronización dos procesos fisiolóxicos estacionais da vida salvaxe».
3.- Vagalumes
Os patróns familiares de brillo son unha compoñente fundamental dos rituais de apareamento. Cada especie de vagalume ten un patrón de resplandor característico que axuda a machos e femias a recoñecérense. Os machos revoan e coruscan mentres as femias, habitualmente menos besbellas, responden cos seus propios fulgores.
Un estudo recente conclúe que a contaminación luminosa podería perturbar tan delicada conduta ritual. As e os investigadores someteron a lucecús denominados «Osa Maior» (a especie Photinus pyralis, moi común en Norteamérica) a luz artificial: atoparon que as femias non brillaban como resposta ao macho tan axiña como aquelas non expostas á luz, e como resultado apareábanse menos.
Porén, as investigadoras descubriron que as zonas de vagalumes suxeitos a luz artificial nocturna non parecían amosar menores poboacións que aquelas que non, a menos nun prazo curto. Pescudas posteriores revelarían cómo a exposición a luz artificial afecta ás poboacións de vagalumes a longo prazo.
A investigación en contaminación lumínica e vida salvaxe segue en aumento
Con regularidade publícanse investigacións vencellando exposición a luz artificial e efectos nocivos en varias especies da natureza. Estamos só comezando a desvelar os complexos mecanismos cos que esta contaminación estraga o medioambiente. Por sorte, a contaminación luminosa pode resolverse doadamente cun bo deseño de iluminación. É preciso que o vaiamos comprendendo. Aquí podes ver de que modo contribuír.
Tradución do artigo “Three Surprising Creatures Affecteb by Light Pollution”, publicado o 30 de xuño de 2016 no sitio web da IDA, International Dark-Sky Association. Versión galega de Estíbaliz Espinosa.
Noraboa polo traballo. Ademais con referencias e enlaces ós estudos concretos. Cantas veces menciónase “hai estudos que…” sen especificar.
No sitio web da IDA tes unha completa e actualizada base de dados de literatura científica sobre os efectos da luz artificial na noite: http://darksky.org/resources/research/alan-database/