A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío colabora un ano máis coas actividades de divulgación da astronomía que o proxecto Amanar – GalileoMobile desenvolve para as nenas e os nenos que pasan o verán en España dentro do programa “Vacaciones en paz”, que en Galicia coordina SOGAPS. Como preámbulo a esas accións, a semana que vén o GT Diversidade da nosa agrupación organizou un conxunto de tres actividades en colaboración con dúas das persoas que impulsaron o proxecto Amanar, Jorge Rivero (ICE-CSIC) e Andrea Rodríguez Antón (INCIPIT-CSIC).
O martes 30 de xullo ás 19:30 na Domus proxectaremos o documental “Refugio en las estrellas”, dirixido por Felipe Carrelli e Demetrio Rodrigues, sobre a causa do pobo saharauí e as actividades de divulgación de astronomía desenvolvidas nos campos de refuxiados. Haberá presentación e coloquio coa participación de Jorge Rivero e Andrea Rodríguez Antón, así coma o investigador e tradutor saharauí Lahsen Selki Sidi Buna, director do Museo Nacional do Pobo Saharauí na wilaya de Smara, un dos campos de refuxiados de Alxeria. A entrada é libre até completar capacidade.
O mércores 31 de xullo pola mañá no local da A. C. Alexandre Bóveda (Santo André, 36 – 1º) poderedes disfrutar da experiencia de realidade virtual “Estrelas do deserto”, que emprega o esplendor do ceo e a paisaxe para presentar o coñecemento astronómico cultural saharauí. A duración aproximada é de 15 minutos. As prazas son MOI limitadas e se adxudicarán por orde. Será obrigatoria a inscrición a través dun formulario que se abrirá o martes 30 de xullo no noso web, www.agrupacionio.com. A cada persoa se lle indicará unha hora concreta para a experiencia. -> FORMULARIO DE INSCRICIÓN
O mesmo mércores 31 de xullo mais pola tarde, ás 18:00, haberá unha sesión de planetario en directo na Casa das Ciencias sobre o ceo do Sáhara, que servirá para coñecermos mellor o ceo a esa latitude e algunhas curiosidades sobre a astronomía cultural saharauí. A entrada é libre até completar capacidade.
Estas actividades contan co apoio do Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses e a colaboración da A. C. Alexandre Bóveda.
Amanar é un proxecto organizado por GalileoMobile, unha iniciativa de divulgación sen ánimo de lucro que achega a astronomía á rapazada e a mocidade de todo o mundo, con especial énfase nas rexións que teñen poucas oportunidades para acceder a actividades científicas. O proxecto Amanar está especificamente dirixido á comunidade saharauí e comprende tanto accións de formación para o profesorado nos campamentos de refuxiados en Alxeria como actividades de divulgación astronómica e visitas a museos, planetarios ou observatorios para as crianzas que veñen en verán a España dentro do programa Vacacións en Paz.