A actividade, que está pensada para fans da saga Harry Potter, será impartida pola profesora Paula Neira e terá lugar no planetario da Casa das Ciencias o sábado 11 de novembro ás 19.30 h
No marco da Semana da Ciencia, que abarca do 11 ao 19 de novembro, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses organizan a charla Astronomía en Hogwarts, que terá lugar o sábado 11 de novembro no planetario da Casa das Ciencias ás 19.30 h, con entrada gratuíta ata completar aforo. É posible realizar reserva previa de entradas ata o venres ás 19.30 h a través deste formulario en liña: https://forms.gle/jWzf9HCTam1JTCc48
A maxia de Harry Potter transcende as páxinas dos libros e as pantallas de cine para somerxerse nun universo repleto de referencias astronómicas. Nesta conferencia destinada aos lectores da saga, explorarase como en Harry Potter entrelázase de xeito fascinante coa astronomía, enriquecendo a experiencia dos seus seguidores.
A materia de Astronomía en Hogwarts é un punto de partida. A través das clases nocturnas na Torre de Astronomía, os xuvenís magos e bruxas adentaranse no estudo das estrelas, planetas e constelacións. Ademais, revisaremos como os obxectos astronómicos desempeñan un papel fundamental na historia. Dende as enigmáticas estrelas fugaces que iluminaron a noite na que Voldemort asasinou aos pais de Harry ata o amencer na épica batalla de Hogwarts, descubriremos como o firmamento convértese nunha testemuña na loita contra as forzas escuras.
Os nomes das personaxes tampouco son aleatorios e moitos teñen raíces astronómicas. Un exemplo é Sirius Black, cuxo nome deriva da estrela máis brillante no ceo nocturno. Outro caso é o apelido Lupin de Remus, vinculado á constelación do Lobo, que revela a súa licantropía.
Tamén falarase dos espazos tan astronomicamente especiais como o impresionante teito do Gran Comedor, que nos transporta a un ceo estrelado, ata a presenza constante de esferas armilares e de certos obxectos máxicos como o lunascopio, co que evitaremos andar con cartografías do noso satélite.
A actividade será dirixida por Paula Neira, docente e investigadora na área das Ciencias da Comunicación, gran amadora da astronomía e da saga potteriana.