Todas as noites do ano e ao longo de toda a noite temos sempre no ceo o “Carro”, o ben coñecido grupo de sete estrelas (ou deberamos dicir oito?) na constelación da Osa Maior. No xiro aparente e constante do ceo arredor da estrela Polar van asomando unhas constelacións e outras ímolas perdendo de vista, mais aquelas próximas á estrela que sinala a dirección norte non chegan nunca a desaparecer baixo o horizonte. Grazas a iso podemos empregar esas constelacións para determinar, por exemplo, a hora da noite de maneira aproximada. O Carro e a Polar vannos servir, pois, de reloxo nocturno.
Para empezar, debemos imaxinar un disco de reloxo centrado na estrela Polar (lembrade que é moi fácil localizala prolongando cinco veces a “liña” traseira da caixa do Carro, definida polas estrelas Merak e Dubhe). O noso reloxo nocturno ten dúas características especiais. A primeira é que está dividido en 24 horas, non en 12 coma os reloxos de man. A outra singularidade é que se move no sentido contrario ao habitual, “cara á esquerda” en vez de “cara á dereita”. Así, teremos as 0h xusto enriba da Polar, as 6h á esquerda dela, as 12 debaixo e as 18h á súa dereita, con estes puntos de referencia marcando entre si ángulos de 90º.
Agora imaxinamos unha agulla que vai de Dubhe á Estrela Polar. O que debemos facer é “ler a hora” con normalidade nese reloxo do ceo. Estimamos a ollo que hora marcaría a agulla Dubhe-Polar nese disco virtual coa precisión que nos vexamos capaces de definir: quizais nos conformemos con dar horas exactas, quizais nos atrevamos a estimar medias horas… Á hora que estimemos sumámoslle 29. Logo restamos o número de quincenas que leve o ano na data na que nos atopemos. O 16 de febreiro, por exemplo, o ano levará 3 quincenas completas. O 29 de abril, máis ou menos oito. O 18 de xullo, 13 (6 meses x 2 + 1). O 23 de novembro, 21 (10 meses x 2 + 1), aínda que poderíamos axustar un pouco máis e engadir 0,5 pola “media quincena” que excede dende mediados dese mes. Se o número que nos sae é maior ca 24, restamos 24h para darlle ao resultado o formato de hora definitivo; se non, deixámolo como está. Esa sería a hora en “tempo universal”. Para converter á hora oficial hai que engadir 1 hora en inverno e 2 horas en verán.
Vexamos a continuación algúns exemplos:
16 de febreiro
Hora estimada: 19h 30min. Sumamos 29: 48h 30min. Restamos quincenas (3): 45h 30 min. Restamos 24: 21h 30 min. Axustamos ao horario de inverno (+1): 22h 30min.
29 de abril
Hora estimada: 2h. Sumamos 29: 31h. Restamos quincenas (8): 23h. Como obtivemos un resultado <24 non é preciso restar 24h, así que axustamos directamente ao horario de verán (+2): 1h.
18 de xullo
Hora estimada: 7h. Sumamos 29: 36h. Restamos quincenas (13): 23h. Axustamos ao horario de verán (+2): 1h.
23 de novembro
Hora estimada: 16h. Sumamos 29: 45h. Restamos quincenas (21): 24h. Restamos 24: 0h. Axustamos ao horario de inverno: 1h.