As eclipses de Sol son o resultado dunha casualidade cósmica. O noso satélite, a Lúa, ten un diámetro 400 veces menor ca o do Sol, mais tamén está 400 veces máis perto de nós, e en consecuencia a Lúa e a nosa estrela vistas desde a Terra teñen un tamaño similar: aproximadamente medio grao, a metade do grosor do dedo maimiño cando o miramos co brazo estendido. Que parezan ter dimensións semellantes xustifica que, en certas condicións, a Lúa poida tapar totalmente o Sol. Se a Lúa fose un pouco máis pequena ou estivese máis lonxe, a ocultación nunca sería completa e para a inmensa maioría dos habitantes do planeta -se os houber nesas circunstancias imaxinarias- os infrecuentes tránsitos do satélite por diante do disco solar pasarían inadvertidos. Mais no sistema real no que vivimos dáse ese feliz equilibrio e iso fai das eclipses solares, nomeadamente as totais, fenómenos ben recoñecíbeis, identificados desde a antigüidade por moitas culturas diferentes de todo o mundo.
Para que a eclipse se produza é necesario que a Lúa se interpoña entre a Terra e o Sol, mais iso non é suficiente. A órbita da Lúa arredor da Terra está un pouco inclinada respecto do plano de translación da Terra arredor do Sol, uns 5 graos, e por esa razón as máis das veces cando a Lúa se sitúa entre nós e o Sol, como acontece a fin de contas cada lúa nova, a súa sombra pasa por enriba ou por debaixo da Terra sen ocultar o círculo da estrela. Só cando a Lúa se sitúa nun dos “nodos”, os puntos de corte do seu xiro arredor da Terra coa eclíptica, o exacto aliñamento dos tres corpos produce unha ocultación parcial ou total do Sol.
Ao longo dunha vida humana serán ducias e ducias as eclipses solares das que teremos noticia, mais gozar do escurecemento total do Sol obriga, polo xeral, a facer grandes viaxes. A zona da Terra tocada pola sombra da Lúa na que a eclipse se ve como total é unha franxa de, como moito, un par de centos de quilómetros de largo, así que a probabilidade de que o fenómeno suceda enriba das nosas cabezas é pequena. A última eclipse total vista en Galiza foi a de 1912, mais foi unha eclipse singularmente estreita e breve, así que na práctica aínda deberíamos remontarnos á anterior, de 1905. Parciais houbo non poucas, mais para unha total temos que esperar aínda ao 12 de agosto de 2026, cando a iso das 20:28 e a algo menos dunha cuarta de altura sobre o horizonte ficaremos marabillados por un Sol negro. No país nós non viviremos outro evento astronómico igual.
Os próximos dez anos teremos outras cinco eclipses parciais de Sol, con diferente grao de escurecemento. A primeira témola xa o próximo 10 de xuño, pouco antes do mediodía, con até un 13% do disco solar “mordido” pola Lúa. A imaxe pequena achega información sobre o primeiro e último contacto e do momento central, o máximo da eclipse. Pasarán case catro anos até que poidamos experimentar outra ocultación parcial, o 29 de marzo de 2025: ese sábado ás 11:40 a Lúa tapará case un terzo da nosa estrela. Quen quede con ganas de repetir logo da experiencia do 2026 terao máis fácil do habitual, pois o ano seguinte, na mañá do 2 de agosto de 2027, hai unha eclipse cuxa franxa de totalidade roza o extremo sur da península: Tarifa pode ser un bo destino. En Galiza nesa data chegaremos a ver ocultos tres cuartos do Sol. O 26 de xaneiro de 2028 teremos unha eclipse parcial vespertina, cun escurecemento de arredor do 70% minutos antes da posta. Por último, o 1 de xuño de 2030 hai unha eclipse para madrugadores, cun amencer curioso no que o Sol sairá ás sete da mañá tapado case ao 50% pola Lúa.
O mapa mensual amosa o ceo a noite posterior á eclipse parcial, o 11 de xuño á 1 a.m., xa finalizado o crepúsculo astronómico. Un ceo que anticipa o verán, co protagonismo crecente do Cisne, a Aguia e a Lira. No horizonte sur, o Seteiro e o Escorpión son rexións ideais para explorar con prismáticos.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 20, sábado 22 de maio de 2021. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).