Boletín IAU de divulgación da astronomía

Abril #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Renovouse o acordo da IAU OAO
2) Publicada a segunda listaxe comparativa internacional de termos astronómicos en lingua de signos
3) Únete á IAU OAO para o Día Internacional da Luz
4) Recordatorio de rexistro para a conferencia CAP
5) Oportunidade de traballo: dirección de relacións cos medios no SKA
6) Solicitude de traballo voluntario: o universo no meu peto
7) Abertas as candidaturas para os descubrimentos científicos do ano
8) O Consorcio AAT acepta propostas de interese
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Queremos dedicar un momento a darlle os parabéns á Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) polo seu décimo aniversario. Desde a súa creación, a nosa oficina irmá concedeu máis dun millón de dólares a máis de 150 proxectos en todo o mundo. Mostraron como a astronomía pode promover un progreso sustentábel en múltiples aspectos do desenvolvemento e xa nos tarda ver que máis farán posíbel no futuro.

A nosa oficina está encantada de renovar o acordo entre a Unión Astronómica Internacional (IAU) e o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ). Continuaremos con grande pracer o noso traballo aquí facilitando a astronomía durante outros tres anos grazas a este acordo.

Ademais, esperamos que te unas connosco a dous próximos eventos. O primeiro deles é a conferencia Comunicar a astronomía co público (Conferencia CAP), orientado a todas as persoas interesadas na divulgación da astronomía ou na comunicación co público. A inscrición na conferencia virtual gratuíta remata a mediados de maio, así que podes consultar a ligazón que achegamos para rexistrarte. A nosa oficina tamén participará no Día Internacional da Luz compartindo recursos e información sobre ceos escuros e tranquilos. Consulta tamén como podes unirte.

Este boletín informa ademais doutras formas de involucrarte na divulgación pública da astronomía, incluídas oportunidades de traballo e voluntariado de todo o mundo.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina IAU de Divulgación da Astronomía

1) Renovouse o acordo da IAU OAO

A Unión Astronómica Internacional (IAU) e o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) asinaron un novo acordo para continuar e ampliar a Oficina IAU de Divulgación da Astronomía. O novo acordo aumenta significativamente o financiamento e a capacidade da IAU OAO.

Máis información: https://iau.org/news/pressreleases/detail/iau2102/

2) Publicada a segunda listaxe comparativa internacional de termos astronómicos en lingua de signos

O grupo de traballo do Comité Executivo da IAU sobre astronomía para a equidade e a inclusión, con socios e socias de comunidades xordas e con dificultades auditivas en todo o mundo, elaborou a segunda listaxe de termos astronómicos en linguaxe de signos. O proxecto ten como obxectivo estimular a reflexión sobre as diferenzas entre varias linguas, axudar ás comunidades a desenvolver os seus propios signos para termos astronómicos particulares que aínda non teñen e promover o debate sobre a astronomía nas comunidades xordas.

Para saber máis: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21024/

3) Únete á IAU OAO para o Día Internacional da Luz

A Unión Astronómica Internacional (IAU) é socia do Día Internacional da Luz do 16 de maio de 2021 e a Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) e as persoas encargadas da Coordinación da Divulgación Nacional da IAU (NOC) participarán en varios eventos ese día ou arredor dese día. A data honra o papel da luz nas nosas vidas e a IAU OAO aproveitará para crear conciencia sobre os ceos escuros e tranquilos. En 2021 tamén convidamos a xente a participar en actividades que fomenten o pensamento científico nas nosas vidas.

Máis información: https://www.iau.org/public/darkskiesawareness/

4) Recordatorio de rexistro para a conferencia CAP

A inscrición para a conferencia Comunicar Astronomía co Público (conferencia CAP) pecha o 15 de maio de 2021. A conferencia CAP reúne persoas que traballan ou están interesadas na comunicación, na docencia informal e na divulgación da astronomía para que intercambien ideas e discutan as mellores prácticas. A conferencia virtual é gratuíta para as persoas inscritas e celebrarase do 24 ao 27 de maio de 2021.

Podes rexistrarte aquí: https://www.communicatingastronomy.org/cap2021/

5) Oportunidade de traballo: dirección de relacións cos medios no SKA

O Square Kilometer Array (SKA) busca cubrir un posto de xestión da relación cos medios de comunicación para o desenvolvemento da estratexia de relación cos medios do Observatorio en todos os estados membros e no resto do mundo. O concurso está aberto e pecha o 14 de maio de 2021.

Máis información: https://recruitment.skatelescope.org/vacancy/media-relations-manager-441830.html

6) Solicitude de traballo voluntario: o universo no meu peto

A serie de folletos “O universo no meu peto” (TIUMP) busca falantes de idiomas africanos para axudaren na tradución dos folletos e que sexan máis accesíbeis en todo o continente. Os folletos TIUMP son folletos gratuítos e imprimíbeis escritos por astrónomos e astrónomas sobre diferentes temas. Os folletos están dispoñíbeis actualmente en 11 idiomas.

As persoas interesadas poden contactar con Grazyna do equipo de TIUMP para obter máis información: http://www.tuimp.org/pages/about/lang:en

7) Abertas as candidaturas para os descubrimentos científicos do ano

A conferencia Falling Walls acepta candidaturas para os descubrimentos científicos do ano. As candidaturas pódense facer nunha das dez categorías, entre as que hai algunhas relevantes para a divulgación e comunicación de astronomía. As candidaturas deberán presentarse antes do 15 de xuño de 2021.

Máis información: https://falling-walls.com/breakthroughyear

8) O Consorcio AAT acepta propostas de interese

O Telescopio Anglo-Australiano (AAT, polas siglas en inglés), operado pola Universidade Nacional Australiana e que ofrece instalacións de observación de primeiro nivel para a astronomía óptica australiana, acepta agora propostas de interese de grupos internacionais. A convocatoria actual é para colaboracións pagadas de colaboración coa instalación AAT e a proposta pode incluír compoñentes de divulgación pública.

Para saber máis: http://www.astronomyaustralia.org.au/news/1304-call-for-international-eoi-to-engage-with-the-aat/

Grazas a Romy Pearse e o equipo do Consorcio AAT por compartir esta nova.

9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña

a) 6º Obradoiro da Sociedade Astronómica de África Oriental
Onde: virtual e en Dodoma, Tanzania
Cando: do 15 ao 22 de maio de 2021
Sitio web: https://www.emiratesmarsmission.ae/

b) Conferencia virtual Comunicar a astronomía co público (CAP)
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.communicatingastronomy.org/cap2021/

c) Comunicación pública de ciencia e tecnoloxía (PCST) 2020 + 1
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.abdn.ac.uk/events/conferences/pcst/

d) SciComPT
Onde: virtual
Cando: do 23 ao 25 de xuño de 2021
Sitio web: http://scicom.pt/index.php/scicompt-2021/

e) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
Onde: virtual
Cando: do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021
Sitio web: https://eas.unige.ch/EAS_meeting/

f) 238º Encontro da Sociedade Astronómica Americana 
Onde: virtual
Cando: do 7 ao 9 de xullo de 2021
Sitio web: https://aas.org/meetings/aas238

g) Comunicar o Futuro: Envolver o Público na Ciencia Básica
Lugar: virtual
Cando: 27 e 28 de xullo de 2021
Sitio web: https://scipep.org/conference/

Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.