Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Decembro #2
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Adiada a Asemblea Xeral da IAU 2021
2) A Fundación Kavli fortalece os programas e encontros de participación pública da IAU
3) Lanzamento do número de decembro de 2020 do Catalizador IAU
4) Dispoñíbel en liña a gravación do IAUS367
5) Novas NOC: Dispoñíbel gravación da reunión das persoas gañadoras de telescopios SSVI
6) Novas NOC: Recursos en español para a conxunción de Xúpiter e Saturno
7) Globe at Night: vídeos de divulgación da rede de control de brillo do ceo (GaN-MN)
8) Lanzouse o Xornal de Educación Astronómica
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Dicir deste 2020 que foi un ano movido sería un eufemismo. Todas as persoas pasamos por moito, algunhas máis que outras. Todas e todos nós tivemos que sacrificarnos e atopar novas formas de vivir. Nese contexto, grazas por deixardes que a nosa oficina formase parte da vosa viaxe neste último ano.
Para nós, pasaron moitas cousas nos últimos 12 meses. Como a maioría no mundo, esforzámonos por adaptarmos o noso traballo para que a xente puidese seguir aprendendo sobre astronomía no medio da pandemia da COVID-19. Coas outras oficinas da IAU e as contribucións da comunidade, creamos unha “Chamada á acción”, que até agora reuniu centos de recursos astronómicos en liña e para facer na casa para persoas de case todas as idades. A Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU tamén creou os premios en liña Astronomy @ Home para recoñecer o traballo realizado polos comunicadores e comunicadoras de astronomía a nivel mundial a medida que se adaptaron aos efectos da pandemia. Tamén adiantamos a nova edición do programa Coñece os astrónomos e as astrónomas da IAU para que a xente nova e a comunidade astronómica amadora puidesen interactuar con astrónomos e astrónomas profesionais de todo o mundo.
O ano pasado tamén iniciamos os Eventos de divulgación global da IAU, proxectos anuais que destacan diferentes temas de especial preocupación para a IAU. Estes proxectos inclúen o mencionado programa Coñece os astrónomos e as astrónomas da IAU, así como o de Concienciación sobre o ceo escuro e tranquilo, para informar a máis xente sobre a importancia do acceso universal ao ceo, e Estrelas que inspiran, para aumentar as prácticas inclusivas na divulgación da astronomía, para que nenos e nenas, pais e nais e docentes vexan o valor de facer carreira na astronomía.
Este ano tamén continuamos con algúns proxectos do centenario da IAU. A segunda edición do Calendario de Divulgación IAU compartiu máis de 300 eventos da comunidade de divulgación da astronomía. Prestade atención ao formulario actualizado para o calendario de 2021. O programa Telescopios para todas as persoas, feito en parzaría con Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, As estrelas brillan para todas as persoas), recibiu máis de 150 solicitudes e puido levar telescopios a 17 comunidades arredor o mundo.
Lanzamos dous números da revista Comunicar Astronomía co Público (CAPjournal). Unha foi unha edición especial sobre Astronomía para o Desenvolvemento, en colaboración coa nosa oficina irmá, a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento IAU/SAAO. A outra foi unha edición especial sobre as iniciativas de divulgación do centenario da IAU, feita en colaboración coa principal entidade organizadora da celebración, a secretaría IAU100. Aínda aceptamos resumos para a edición especial sobre a comunicación da astronomía co público durante a pandemia, polo que, por favor, valora a posibilidade de enviar a túa proposta se adaptaches o traballo de divulgación da astronomía ás novas circunstancias.
Este ano a nosa oficina deu a benvida a 20 persoas na nosa rede de Coordinación de Divulgación Nacional (NOC), que agora ten máis de 130 persoas. Os e as NOC apoiaron charlas, concursos en liña, concursos de fotografía e moitos outros programas seguros para axudarnos nestes momentos difíciles. Consulta o noso Facebook e Twitter para obter máis información sobre os seus proxectos. Ademais, case 40 NOC participaron no Plan de Financiamento NOC, que financiou catro proxectos en catro continentes a cargo de 15 coordinadores e coordinadoras nacionais de divulgación. Estamos desexando rematar a edición 2020/2021 nos próximos meses.
Ademais uníronse virtualmente á nosa oficina as doutoras Fatoumata Kebe e Kelly Blumenthal, a través do Programa de visitantes da OAO, que respectivamente achegaron á nosa oficina o compromiso comunitario e a investigación divulgativa.
Neste último número do ano, queremos darlles as grazas ao voluntariado dos nosos programas o seu compromiso e perseveranza para compartir astronomía e ciencia, aos nosos asesores e asesoras pola súa orientación e á moita xente que participou na nosa programación. Non podemos facer estes proxectos en solitario así que agradecemos a vosa axuda para facermos a nosa programación así de vibrante.
Desexámosvos boa saúde e todo o mellor no novo ano,
Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU
1) Adiada a Asemblea Xeral da IAU 2021
A Unión Astronómica Internacional (IAU) pospuxo a XXXI Asemblea Xeral a agosto de 2022 de acordo co Comité Organizador Local da asemblea. As datas exactas e as decisións detalladas sobre o programa da reunión anunciaranse máis tarde. As reunións trienais de negocio para membros da IAU celebraranse en liña no verán de 2021.
Máis información aquí: https://iau.org/news/pressreleases/detail/iau2009/
2) A Fundación Kavli fortalece os programas e encontros de participación pública da IAU
A Fundación Kavli concedeu 220.000 dólares á Unión Astronómica Internacional (IAU) para os programas de participación pública e reunións científicas entre 2021 e 2024. Estas subvencións financiarán un novo programa de formación para a captación de público, a conferencia Comunicar Astronomía co Público 2021, que se celebrará en liña (CAPconference), e tres simposios interdisciplinarios Kavli-IAU entre 2022 e 2024.
Para saber máis: https://iau.org/news/pressreleases/detail/iau2010
3) Lanzamento do número de decembro de 2020 do Catalizador IAU
Publicouse o último número do Catalizador IAU (IAU Catalyst), un boletín de novidades do Comité Executivo, do Grupo Científico e as Oficinas da IAU.
Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann20044/
4) Dispoñíbel en liña a gravación do IAUS367
Se non puideches asistir ao Simposio 367 da IAU “Educación e patrimonio na era do Big Data en astronomía”, as gravacións das charlas dos catro días están dispoñíbeis na páxina de Youtube do simposio.
Podes velas aquí: https://www.youtube.com/channel/UCrDZ4rKiYSzGc7ZfN9_OcCA/featured
5) Novas NOC: Dispoñíbel gravación da reunión das persoas gañadoras de telescopios SSVI
Xa está dispoñíbel a gravación do SSVI Telescope Holders Meeting, organizado pola nosa NOC de Tunisia Mayssa El Yazidi. Este encontro reuniu a organización e as persoas premiadas no proxecto Telescopios para todas as persoas, unha colaboración entre a Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (OAO), Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, As estrelas brillan para todas as persoas) e UNAWE.
Podes vela aquí: https://fb.watch/2dtaTNHHuT/
6) Novas NOC: Recursos en español para a conxunción de Xúpiter e Saturno
A nosa NOC en España, Amelia Ortiz Gil, xunto con varias organizacións astronómicas con base principalmente en Europa, compilaron información e transmisións en directo de todo o mundo da conxunción de Xúpiter e Saturno o 21 de decembro. A xente pode compartir as súas fotos da conxunción co público enviando por correo electrónico a súa foto e nome a Joaquin Alvaro da Europlanet Society (jalvaro@astrocuenca.es).
Máis información aquí: https://federacionastronomica.es/index.php/actividades-y-eventos/conjuncion-jupiter-saturno
Grazas á nosa NOC Amelia Gil Ortiz por compartir con nós esta nova.
7) Globe at Night: vídeos de divulgación da rede de control de brillo do ceo (GaN-MN)
Os nosos socios de Globe at Night – Rede de Monitorización do Brillo do Ceo (GaN-MN) produciron unha serie de vídeos para que o público coñeza o seu traballo supervisando o impacto da contaminación luminosa.
Podedes velos aquí: https://www.youtube.com/playlist?list=PLVMMmS6vmh62g6kxcpJOgutTNfarBCKRN
8) Lanzouse o Xornal de Educación Astronómica
A Comisión C1 da IAU lanzou o Xornal de Educación Astronómica (AEJ, polas siglas en inglés de Astronomy Education Journal) e acepta o envío de artigos para a súa publicación. Esta revista en liña pretende ser unha plataforma mundial clave de publicación tanto para o persoal investigador como para profesionais no campo da educación astronómica, investigación e metodoloxía. Actualmente acéptanse propostas tanto para as seccións revisadas por pares como para as non revisadas por pares.
Máis información aquí: www.astroedjournal.org
9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19
Recursos
Technovation
Desafíos de deseño de foguetes e avións
Ligazón: https://www.curiositymachine.org/challenges/?theme=Aerospace#challenges
Creador de satélites
Deseña un satélite cun simulador
Ligazón: http://satellitebuilder.org.uk/
Cursos de formación EUMETSAT
Cursos de formación para usuarios de datos vía satélite
Ligazón: https://training.eumetsat.int/
Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2021!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.