Entre os planetas do sistema solar que están máis lonxe do Sol ca a Terra hai tres que podemos observar a ollo nu: Marte, Xúpiter e Saturno. O mellor momento para velos é cando están “en oposición”, ou sexa, en liña coa Terra e o Sol, co noso planeta no medio. Nesas condicións o planeta en cuestión pode verse toda a noite co brillo máximo anual, como aconteceu este verán con Xúpiter e Saturno, que pasaron pola oposición en xullo. Estacionados na constelación do Seteiro, foron os grandes protagonistas dos últimos meses, mais agora xa só os temos no ceo durante o crepúsculo vespertino e as primeiras horas da noite; contra o final de mes, retíranse arredor das once.
Colle o relevo Marte, cuxo brillo, moi modesto en xaneiro, non deixou de medrar desde entón para acadar estes días o seu maior valor anual, con magnitude -2,6. Durante unhas semanas superará en brillo ao xigante Xúpiter, mais cunha cor claramente diferente: Marte é o “planeta vermello”, unha aparencia que se debe á oxidación dos minerais de ferro abundantes no seu solo. Desta volta, no seu maior achegamento á Terra sitúase a 62 millóns de quilómetros de nós, o cal significa que a súa luz, reflexo do Sol, tarda 206 segundos en chegarnos: estamos vendo Marte con 3,4 minutos de atraso.
Esta menor distancia fai das oposicións de Marte, que suceden cada dous anos, a situación ideal para lanzar misións espaciais ao noso veciño. En ruta están xa o orbitador Esperanza dos Emiratos Árabes Unidos, a misión chinesa Tianwen, (“preguntas celestes”, na nosa lingua), que colocará unha sonda en órbita e un vehículo motorizado na superficie, e a misión da NASA Marte 2020, que levará outro vehículo máis, Perseveranza, que se suma ao aínda activo Curiosidade, e un pequeno helicóptero, Enxeño. En febreiro estarán chegando ao seu destino. O proxecto da Axencia Espacial Europea e a rusa RosCosmos ExoMars previsto inicialmente para este ano deberá esperar á seguinte oposición marciana, en 2022.
Para familiarizarse coa paisaxe estrelada convén tomalo con calma e ir aprendendo, devagar, algunhas referencias útiles. Se esquecemos os planetas, vagabundos da noite, todo o ceo “móvese en bloque”, pois no curso das nosas vidas -nin de moitas, moitas vidas- as estrelas non van cambiar as súas posicións relativas unhas das outras. Deste xeito, o firmamento que observamos hoxe non difire moito do que observaremos mañá ou pasadomañá pola mesma hora; o que aprendamos hoxe, en suma, vale para os próximos días. Vale, de feito, para sempre.
En Galiza temos a sorte de contar cun asterismo moi práctico para iniciármonos: o Carro, unha parte especialmente doada de recoñecer da Osa Maior. As estrelas que a forman son ben visíbeis mesmo no ceo contaminado das cidades e ten a vantaxe de que aquí nunca se pon por baixo do horizonte: todas as noites e a todas as horas da noite está o Carro á vista. Se collemos as dúas estrelas da parte de atrás da caixa do Carro, Merak e Dubhe, e prolongamos a súa distancia cinco veces, chegamos a unha estrela non moi rechamante, mais que ten a peculiaridade de que non a vemos moverse: a Polar. O eixo de xiro da Terra apunta nunha dirección no norte na que hai unha estrela que podemos ver cos ollos sen axuda, cousa que non sucede no hemisferio sur. A Polar sinálanos o norte e a súa altura sobre o horizonte nos recorda a latitude en que vivimos.
O mapa do ceo está calculado para as 23 horas do sábado 17 de outubro na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 23:30 do 10, as 22:30 do 24 ou as 22:00 do 31.
Indícase o aliñamento que localiza a Polar a partir do Carro. En amarelo, a posición dos planetas Marte, Xúpiter e Saturno ese día.
A imaxe da dereita recolle os nomes das sete estrelas que forman o Carro. A carón de Mizar pode observarse (con boa visión) outra estrela máis débil, Alcor.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 12, sábado 10 de outubro de 2020. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).