Nun acto celebrado esta mañá en París a Unión Astronómica Internacional fixo públicos os resultados oficiais das 112 campañas nacionais “NameExoWorlds”, a través das cales 780000 persoas en todo o mundo puideron participar no nomeamento de estrelas e exoplanetas. A estrela asignada a España, até agora chamada HD 149143, na constelación de Ofiúco, o Serpentario, levará a partir de hoxe como nome “Rosalía de Castro”. O único exoplaneta descuberto nela polo momento chamarase “Río Sar”.
Esa foi a proposta que fixo a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que resultou a máis votada con clara diferenza sobre as demais. A campaña en favor da candidatura de Rosalía de Castro non sería posíbel sen o apoio total da Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. E este final feliz non acontecería de non ser polas miles de persoas que apoiaron a nosa proposta e axudaron a difundila. A todas elas, o noso máis cálido agradecemento. E grazas tamén aos medios de comunicación galegos que se volcaron na difusión da campaña #EstrelaRosalía. Agora xa é definitivo: hai unha estrela no ceo que se chama Rosalía de Castro.
ACTUALIZACIÓN: mapa do mundo elaborado por Guillem Anglada con todos os países que puxeron nome a estrelas e exoplanetas e as propostas aprobadas hoxe.