No universo existen centos de miles de millóns de galaxias, cada unha delas con centos de miles de millóns de estrelas. Dábase por suposto que arredor doutras estrelas podería haber planetas, mais até hai poucos anos non había tecnoloxía suficiente para a súa detección. Foi en 1995 cando se anunciou a presenza dun corpo que orbitaba a estrela 51 Pegasi, na constelación de Pegaso: era o primeiro exoplaneta, o primeiro planeta fóra do noso sistema solar do que tivemos noticia.

Na actualidade coñécense case catro mil exoplanetas e a cifra segue medrando constantemente. Para detectalos empréganse métodos moi variados e complexos, que moi raras veces pasan pola observación directa. Os métodos que até agora deron máis resultados son o da fotometría de tránsitos, que consiste na observación da leve diminución do brillo da estrela cada vez que o exoplaneta transita (pasa) por diante dela, e o da velocidade radial, que se basea na detección das pequenas variacións da órbita da estrela por influxo gravitacional do planeta que a orbita.

MÉTODO DA FOTOMETRÍA DE TRÁNSITOS

Imaxe: NASA adaptada por Marta Cortacans

MÉTODO DA VELOCIDADE RADIAL

Imaxe: ESO adaptada por Marta Cortacans

Consulta outras entradas da serie Estrela Rosalía. Campaña desenvolvida coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro. Agradecementos: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Edicións Xerais de Galicia.