StarryNight
A noite estrelada, pintada en 1889 por Vincent van Gogh é o exemplo clásico de como un ceo nocturno escuro inspira a creatividade.

Até hai ben pouco, e durante toda a historia da humanidade, os nosos antepasados experimentaban un ceo ateigado de estrelas: unha noite estrelecida que inspirou ciencia, relixión, filosofía, literatura e arte. Lamentablemente, nunca saberemos das grandes obras de arte que perdemos por causa da contaminación lumínica.

Disfrutade destas fermosas obras de arte inspiradas por firmamentos estrelados e tomade nota de como axudar a inspirar a futuras xeracións para que inventen, creen e soñen.

Artista descoñecido, principios do século XV.
Artista descoñecido, principios do século  XV. British Library.

1. Paisaxe con clérigos estudando astronomía e xeometría e amosando esferas armilares, compases…

En tanto que Europa ía saíndo da «idade escura» e o Renacemento alustraba a innovación en ciencia, tecnoloxía e arte, os homes e mulleres instruídos comezaron a observar o ceo nocturno a través de ollos menos medorentos.

Durante este período, a civilización occidental avanzou significativamente na súa comprensión do mundo natural. O ceo nocturno do Renacemento era límpido e estaba libre da influencia posterior da luz eléctrica, de aínda varios séculos despois.

Poden os alumados ceos das cidades de hoxe inspirar á xente a facerse as grandes preguntas de mentes como a de Copérnico, Kepler, Galileo e Newton?

Lieve Verschuier, 1680, Óleo sobre lenzo.
Lieve Verschuier, 1680, Óleo sobre lenzo.

2. O gran cometa de 1680 sobre Rotterdam

Dous séculos logo do Renacemento, unha Era de Esclarecemento deu comezo en Europa. Guiada por intelectuais, e enfatizando razón e individualismo por riba da tradición, a Ilustración viu medrar a pasos de xigante o influxo da ciencia e a exploración.

O ceo nocturno seguiu a inspirar abraio, pero incorporou tamén unha saudábel dose de investigación e escepticismo. Aquí, o pintor holandés Verschuier representa unha multitude en Rotterdam contemplando o cometa Kirch, un moi brillante que apareceu preto do Sol en decembro de 1680. Esas xentes marabíllanse co firmamento, pero evidentemente non lle teñen medo ningún.

Unha panorámica semellante do Rotterdam actual amosaría tamén un ceo laranxa, debido ao halo procedente da contaminación luminosa. Aínda acudirían os habitantes da Rotterdam de hoxe a contemplar unha vista así?

Artista descoñecido (atribuído a Philipp Florinus von Pfalz- Sulzbach), 1705.
Artista descoñecido (atribuído a Philipp Florinus von Pfalz- Sulzbach), 1705.

3. Astronomía

A comezos do século XVII, os astrónomos orientaron por vez primeira os telescopios cara aos prístinos ceos nocturnos de Europa, facendo observacións de fenómenos celestes nunca antes vistos. O seu traballo literalmente remexeu ceo e terra, arrombando as vellas ideas que colocaban á Terra no centro dun inamovíbel universo.

Sen o obstáculo da contaminación da luz, os científicos do momento podían realizar investigación astronómica doadamente, mesmo dende os centros máis poboados da Europa. Aos astrónomos e astrónomas modernas non lles queda outra que viaxar lonxe da civilización –incluído o espazo- para teren acceso a panorámicas nocturnas como as daquela.

Frederic Edwin Church, 1860 (Imaxe cortesía de Judith Filenbaum Hernstadt).
Frederic Edwin Church, 1860 (Imaxe cortesía de Judith Filenbaum Hernstadt).

4. O meteoro de 1860

O fenómeno do ceo nocturno volveuse un tema recorrente para artistas ben entrado o século XIX, nalgunhas ocasións inspirados por eventos históricos contemporáneos. Na tarde do 20 de xullo de 1860 un meteoro fragmentouse mentres racheaba a atmosfera da Terra, provocando un «desfile meteórico» que inspirou este cadro e mailo poema «Ano de meteoros» (1859-60), do grande poeta norteamericano Walt Whitman.

Seica Whitman observou este meteoro de 1860 ou ben en Nova York ou preto dela. Hoxe en día, tan só os fenómenos máis brillantes do firmamento poden verse baixo os ceos contaminados de luz de NYC. Entre o brillo dos seus desfiladeiros de cemento, aceiro e cristal, molestaríanse os habitantes da Nova York actual en pararse a mirar outro meteoro coruscante?

Vincent van Gogh, 1888.
Vincent van Gogh, 1888.

5. Noite estrelecida sobre o Ródano

O ceo estrelado foi un tema predilecto de Vincent van Gogh, se cadra o máis célebre dos pintores impresionistas de finais do século XIX. O seu admiradísimo lenzo «A noite estrelecida» (1889) resulta tan recorrente na cultura pop que case eclipsa outros traballos de van Gogh igualmente fermosos nos que aparece un firmamento nocturno, como é o caso de «Noite estrelecida sobre o Ródano», aquí reproducido.

Os seus lenzos de paisaxes nocturnas enfatizan a súas impresións das cores da noite celeste e da iluminación artificial exterior, unha novidade na súa época. Que paleta de cores habería escoller van Gogh para representar hoxe o ceo con contaminación lumínica sobre o Ródano?

Edvard Munch, 1893.
Edvard Munch, 1893.

6. A noite estrelecida

Co século XIX chegando ao seu fin, un cada vez maior número de artistas rexeitaba o realismo renacentista e ilustrado a favor de estilos pictóricos máis expresivos. A cor, a tonalidade e o estado de ánimo valorábanse máis cás representacións literais de persoas ou lugares reais (ou imaxinados).

En «A noite estrelecida» Edvard Munch, coñecido polo seu clásico do desacougo, «O grito» (1893), descarta as calidades máis pintorescas da noite a cambio das emocións que a noite suscita nel.

Compara «A noite estrelecida» de Munch coa panorámica nocturna do Río Ródano (arriba), pintada apenas cinco anos antes. Munch prefire a escuridade, en tanto que van Gogh procura os reflexos das incipientes luces artificiais urbanas. A onde tería que viaxar hoxe Munch para pintar ceos ben escuros?

Georgia O’Keeffe, 1917.
Georgia O’Keeffe, 1917.

7. Noite á luz das estrelas

O Oeste norteamericano ten inspirado a xeracións de artistas polas súas características salvaxes e sen explotar. Georgia O’Keefe ficou engaiolada co atractivo do Oeste. Se ben lle deron máis sona as súas paisaxes de Novo Mexico, outros traballos temperáns de O’Keefe amosan intentos de capturar o espazo e a grandeza dos cristalinos ceos nocturnos do Oeste.

O’Keefe non daba atopado tales estrelas na cidade de Nova York. Tiña que ir na súa procura achegándose á mesmiña natureza no salvaxe Oeste.

O futuro da noite está ameazado

Iso de ficar baixo un firmamento de estrelas non estragado polo halo da luz artificial foi a experiencia habitual algunha vez. Mozos e vellos, ricas e pobres por igual, en todos os recunchos do mundo compartían a fascinación e o abraio polos ceos da noite. Porén, o futuro da noite vive agora ameazado. Namentres perdemos boa parte desa nosa experiencia compartida a prol dun progreso incesante, como é que se van inspirar na noite os futuros artistas, inventoras e creadoras?

Podes axudar a que as futuras xeracións se inspiren mellor!

Por sorte, a contaminación lumínica pode reverter facilmente. Podes marcar a diferenza de xeito real e inmediato se…

  • Instalas luces soamente cando e onde sexan precisas
  • Te aseguras de que a túa iluminación vai protexida por riba, de xeito que aluma cara abaixo (e non cara arriba)
  • Fas uso de elementos de aforro enerxético tales como temporizadores, reguladores de intensidade luminosa e detectores de movemento.
  • Explicas a amigos e veciños a importancia dunha boa iluminación para a nosa saúde, economía e medio ambiente.
  • Te unes como membro á loita da International Dark-Sky Association contra a contaminación luminosa

Tradución de Estíbaliz Espinosa do artigo de John Barentine «7 pieces of Art inspired by the Night Sky», publicado na web da International Dark-Sky Association o 7 de agosto de 2016.