IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Maio 2017 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Prazo de propostas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) 2017
2) Comunicar Astronomía ao Público (CAP) 2018 abre o prazo de rexistro e envío de propostas
3) Boletín #16 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Indonesia
5) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas dos EEUU
6) Simulador de ceo escuro de deseño aberto
7) Boletín Europlanet
8) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
9) Encontros e actividades globais en 2017
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Na última semana de abril estivemos seguindo con entusiasmo o descenso da sonda Cassini entre o planeta Saturno e os seus aneis. O “kit de ferramentas do Gran Final” da NASA aloxa unha impresionante colección de información e recursos dunha das máis épicas misións espaciais, até a súa entrada final na atmosfera de Saturno o 15 de setembro. Permanecede atentos mentres o noso equipo compila os mellores e máis recomendados recursos de educación e divulgación astronómica compartidos pola comunidade.

Neste número salientamos a apertura do prazo de propostas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento 2017 e tamén que está aberto o rexistro e o envío de abstract para a conferencia Comunicar Astronomía ao Público (CAP) 2018 no Xapón.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Prazo de propostas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) 2017

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) abriu o prazo para o envío de propostas na campaña 2017. O procedemento cambiou respecto de anos anteriores para mellorar o compromiso cos líderes dos proxectos e o potencial impacto dos mesmos. Esta nova campaña ten dúas fases. A Fase 1 (até o 31 de maio de 2017) está aberta a solicitudes de calquera lugar do mundo. As propostas que fosen seleccionadas serán convidadas logo a enviar unha solicitude máis detallada Fase 2.

Para máis información, lede o anuncio da IAU neste enderezo: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann17016/

2) Comunicar Astronomía ao Público (CAP) 2018 abre o prazo de rexistro e envío de propostas

Do 24 ao 28 de marzo de 2018 Xapón acollerá o maior congreso mundial sobre comunicación da astronomía: Comunicar Astronomía ao Público (CAP 2018). Profesionais da comunicación da ciencia, educación informal, planetarios e centros de ciencia, así como astrónomos profesionais e amadores, xornalistas e creadores están convidados a asistir ao evento no novo Museo de Ciencia de Fukuoka para intercambiar ideas e boas prácticas. O Comité Científico Organizador (SOC) admite propostas de presentacións sobre recursos, estudios e actividades prácticas, todas baixo o tema central “Comunicar astronomía no mundo de hoxe: propósito e métodos”.

Para máis información, consultade o anuncio da IAU aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann17017/

3) Boletín #16 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)

O boletín #16 IAU OAD está xa na rede. Publícao trimestralmente a Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento e nel podes saber máis das últimas actividades do OAD. Entre os aspectos máis salientábeis deste número están o novo formato do envío de propostas OAD 2017, noticias da 9ª conferencia de astronomía en Cidade do Cabo en novembro de 2017 no OAD e a benvida aos novos membros do equipo, a astrónoma doutora Vanessa McBride e o astrónomo convidado, doutro Paul A. Wilson.

Podes ver o número actual aquí: http://bit.ly/2qoC3E6

O boletín en PDF está tamén dispoñíbel no sitio web da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento en www.astro4dev.org/media/newsletters/.

4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Indonesia

a) Obradoiro de Escrita de Divulgación Científica

O Obradoiro de Escrita de Divulgación Científica celebrouse o 8 de abril de 2017 en Bandung, con participantes que se reuniron para aprender e desenvolver as súas habilidades de escrita científica, principalmente enfocado a atopar un discurso común accesíbel ao público xeral: Como explicar ciencia complexa en linguaxe cotiá? No obradoiro participaron once persoas de diferentes niveis de educación e profesión, con interese na microbioloxía, matemáticas e astronomía. O noso contacto, Avivah Yamani, conduciu unha sesión sobre a importancia da comunicación da ciencia ao público e M. Zaid Wahyudi sobre técnicas de redacción de noticias e artigos de ciencia en linguaxe accesíbel. As dúas sesións estiveron acompañadas dunha parte práctica.

Podes atopar máis información (en indonesio): https://langitselatan.com/2017/04/22/cerita-dari-workshop-menulis-populer-bersama-langitselatan/

5) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas dos EEUU

a) Oitavo Festival Anual de Astronomía no National Mall

En Washington, DC, o venres 2 de xuño de 18 a 23 horas, os visitantes da capital da nación poderán facer un tour gratuíto e guiado polo ceo no Oitavo Festival Anual de Astronomía no National Mall (Astronomy Festival on the National Mall, AFNM). O ANFM inclúe observacións solares, ópticas e radiotelescópicas do Sol, Lúa, Xúpiter e Saturno, así como actividades e probas prácticas; un espectáculo de planetario cunha cúpula inchábel portátil, poñentes das organizacións científicas e educativas e unha oportunidade de mesturarse cos astrónomos. A AFNM comezou en 2010, co-patrocinada pola oficina de ciencia e tecnoloxía da Casa Branca. O festival do ano pasado recibiu 8500 visitantes.

Para saber máis: www.hofstra.edu/dcstars

b) Educación e divulgación sobre a eclipse: as bibliotecas públicas buscan voluntarios

Para a eclipse do 21 de agosto, máis de 2000 bibliotecas públicas dos EEUU recibirán un pack de gafas de eclipse gratuítas cun folleto informativo sobre como facer mellor a divulgación pública. Moitas bibliotecas precisarán axuda divulgativa para os astrónomos, afeccionados e educadores con coñecemento sobre as eclipses. No sitio web oficial desta iniciativa, todos os voluntarios interesados poden atopar un mapa interactivo que amosa as bibliotecas participantes. Os voluntarios poden tamén achegarse á biblioteca máis próxima da súa zona e contribuír á difusión do proxecto.

Máis información dispoñíbel no sitio web da rede de bibliotecas STARNet: http://www.starnetlibraries.org/2017eclipse/

c) Un grito sobre o tempo

A Shout Across Time (un grito sobre o tempo) é unha experiencia multimedia inspirada pola teoría da relatividade xeral de Einstein, os buracos negros e as ondas gravitacionais, que orixinalmente formaba parte do proxecto “Celebrando a Einstein” da Universidade Montana State. É un evento de divulgación público e gratuíto do CIERA (centro astronómico do noroeste), que combina imaxes astronómicas, narración e música clásica en vivo interpretada por estudantes da escola de música Northwestern’s Bienen. Se o tempo o permite, os asistentes gozarán dunha observación cun telescopio despois do espectáculo.

Podes atopar máis información aquí: https://artscircle.northwestern.edu/music/student-performance/shout-across-time-musicastronomy-multimedia-performance

6) Simulador de ceo escuro de deseño aberto

O Proxecto DarkSkySim anima a deseñar un simulador físico que demostre os efectos da contaminación luminosa (CL) sobre o ceo estrelado e a diferenza que supón unha iluminación ben deseñada, mediante a creación dunha experiencia de primeira man que amose o efecto dos distintos tipos de farois sobre o número de estrelas visíbeis. O simulador poderá usarse en espazos expositivos, congresos, museos de ciencia e outros lugares e proporcionará unha experiencia mellorada para os visitantes comparado cos métodos convencionais de exhibición dos efectos da CL. O propósito é crear non só un único simulador senón facer públicas as instrucións e listaxe de material para que calquera interesado poida construír un simulador na súa vila ou cidade.

Podedes saber máis deste proxecto aquí:
http://www.astro4dev.org/blog/category/tf3/open-design-dark-sky-simulator/

7) Boletín Europlanet

O equipo editorial do Boletín Europlanet está buscando noticias interesantes relacionadas coa educación e divulgación en ciencias planetarias. Se tes calquera noticia sobre divulgación (de eventos, novos recursos, actualizacións, concursos, oportunidades de financiamento, etc) por favor escribe a anita.herward[at]europlanet-eu.org. Podes tamén colaborar coa serie “Spotlight on Outreach” de Europlanet. Esta é unha oportunidade para contarlle á comunidade de divulgación planetaria sobre os programas de educación e divulgación da túa organización.

Podes subscribirte ao Boletín Europlanet aquí: http://www.europlanet-eu.org/outreach/newsletter/

O último número do boletín está aquí:
http://mailchi.mp/dc48acb7ef26/europlanet-outreach-newsletter-9-april-2017?e=53b1c2055b

8) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)

En parcería con Ecsite e NAMES, a escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME) naceu en 2013 para responder ao crecente número de centros de ciencia e actividades de comunicación da ciencia no Mediterráneo, en particular no Oriente Medio.

O obxectivo deste curso de formación é adestrar persoal que poida liderar os centros de ciencia e organizacións culturais e científicas, dándolles un poderoso conxunto de competencias e habilidades. A escola de verán reforzará as capacidades de desenvolvemento dos participantes e aspirará a estender o diálogo e o intercambio entre estas organizacións.

Máis información, aquí: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/

9) Encontros e actividades globais en 2017

Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadidos hai pouco

Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
Data: do 10 ao 15 de setembro de 2017
Lugar: Nápoles, Italia
Máis información: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/

Datas importantes

.Astronomy
Pre-rexistro aberto até o 1 de xuño de 2017
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/

Próximas actividades

a) Cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África (MEARIM IV)
Data: do 22 ao 25 de maio de 2017
Lugar: Adís Abeba, Etiopía
Máis información: http://www.eorcworkshop.com/mearim-iv-home

b) Mulleres na Astronomía IV: as numerosas caras das mulleres astrónomas
Data: 9-11 de xuño de 2017
Lugar: Austin, Texas
Máis información: http://bit.ly/2kgLbsL

c) Telescopios Robóticos, conferencia sobre investigación e educación estudantil
Data: do 18 ao 22 de xuño de 2017
Lugar: San Diego, California (EEUU)
Máis información: http://rtsre.org/

d) IV Festival Starmus: a vida e o universo
Data: do 18 ao 23 de xuño de 2017
Lugar: Trondheim, Noruega
Máis información: https://www.starmus.com

e) Semana Europea da Astronomía e Ciencia do Espazo (EWASS)
Data: do 26 ao 30 de xuño de 2017
Lugar: Praga, República Checa
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2017/about.jsp

f) Día do Asteroide
Data: 30 de xuño de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

g) Encontro astronómico nacional da Royal Astronomical Society 2017
Data: do 2 ao 6 de xullo de 2017
Lugar: Universidade de Hull, Reino Unido
Máis información: https://nam2017.org/

h) 13º Encontro Rexional Asia-Pacífico (APRIM 2017)
Data: do 3 ao 7 de xullo de 2017
Lugar: Taipei, Taiwan
Máis información: http://www.aprim2017.tw/

i) Simposio Internacional sobre Educación en Astronomía e Astrobioloxía
Data: do 3 ao 8 de xullo de 2017
Lugar: Utrecht, Países Baixos
Máis información: http://ise2a.uu.nl/

l) Big data en astronomía: unha ferramenta potencial de innovación social
Data: 7-11 de agosto de 2017
Lugar: Flic en Flac, Illa Mauricio
Máis información: https://sites.google.com/ska.ac.za/barista/home?authuser=0

m) Conferencia Global Hands-On Universe (GHOU) 2017 + Galileo Teacher Training Program (GTTP) International Workshop 2017
Datas: do 15 ao 21 de agosto de 2017
Lugar: Western Kentucky University, Bowling Green, Kentucky, US
Máis información: http://handsonuniverse.org/ghou2017/

n) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
Data: do 10 ao 15 de setembro de 2017
Lugar: Nápoles, Italia
Máis información: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/

ñ) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria 2017
Data: do 17 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Radisson Blu Hotel Latvija, Riga, Letonia
Máis información: http://www.epsc2017.eu/

o) 3ª Simposio COSPAR
Data: do 18 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Illa Jeju, Corea do Sur
Máis información: https://cosparhq.cnes.fr/

p) Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/

q) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

r) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/

s) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

t) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas

-Traducións ao serbio, pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Tradución ao español, por ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.