A lectura do excelente libro de Dava Sobel El Universo de cristal, editado por Capitán Swing, achega unha inesperada conexión galega da lendaria Williamina Fleming, que pasou de ser criada do director do observatorio de Harvard, Edward Pickering, a facer ciencia no centro e converterse finalmente na primeira muller en obter un cargo relevante na universidade, o de conservadora do arquivo fotográfico (a súa fascinante peripecia vital xa foi relatada hai tempo neste blog). Na páxina 179 da edición española do libro fálase da elexía que Pickering escribiu na morte de Williamina, un texto que recollía historias que ao parecer ela contaba a miúdo sobre a súa estirpe escocesa. Unha desas historias ten que ver coa batalla de Elviña e iso, de inmediato, alimentou o desexo de atopar a fonte orixinal.

BattleCorunna

O obituario de Williamina que apareceu no boletín mensual da Royal Astronomical Society, da que ela era membro honoraria, recolle ese fabuloso relato familiar.  Citando a nota escrita por Pickering, dise que pertencía ao clan Graham de Claverhouse -un dos seus antepasados por parte de nai era John Graham, primeiro vizconde de Dundee, cantado por Walter Scott no poema Bonnie Dundee– e que herdou en elevado grao «algunhas das mellores características de tan distinguida familia: enerxía, perseveranza e lealdade». A tataravoa de Williamina vivira nunha casa boa de Stirling que pasou a outras ramas da familia por falta de descendencia masculina. A súa filla, bisavoa de Willimina, casou cun oficial dos 79th Highlanders, o capitán Walker, que prestou servizos na Guerra de Independencia de España ás ordes do tenente xeneral Sir John Moore. A muller non se separou del durante a guerra e quedou embarazada. Na batalla de Elviña, o 16 de xaneiro de 1809, morreu o capitán Walker canda sir John Moore e varios centos de militares británicos máis. O mesmo día e no campo de batalla deu a luz a señora Walker: foi en territorio galego que naceu John Walker, o avó de Williamina.

Difícil discernir hoxe canto hai de lenda e canto de verdade nesta historia, pois de feito diferentes documentos relativos á vida de John Walker contradinse entre si (ver Catchers of the Light de Stefan Hughes), mais nestes casos paga a pena seguir o consello de John Ford: «when legend becomes fact, print the legend». A filla de John e Mary Walker, tamén chamada Mary, casou en 1832 con Robert Stevens; dos dez fillos que tiveron, só seis chegaron a adultos. Williamina foi a quinta, mais un dos catro irmáns precedentes morrera uns meses antes de ela nacer.

Por parte de Williamina a liñaxe dos Graham proseguiu a través do seu único fillo, ao que lle puxo o nome do seu admirado xefe: Edward Charles Pickering Fleming, nacido o 6 de outubro de 1879 en Dundee, Escocia. Durante uns anos o neno quedou en Dundee ao coidado da súa avoa e bisavoa, as dúas Mary (Walker e Stevens), unha vez que a nai tivo que regresar a Harvard. O reencontro con Williamina produciríase en 1887, cando Edward, a súa avoa Mary e a tía Joanna se trasladaron aos Estados Unidos a bordo do vapor SS Prussian.