Materiais didácticos

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío elabora materiais didácticos para o seu uso nas actividades que organiza. Nesta páxina porémolos á túa disposición con licenza de Recoñecemento e Uso non comercial.

MONÍPTICOS

Hemisferios norte e sur | Moníptico coas constelacións dos dous hemisferios celestes, norte e sur, cos nomes das constelacións normalizados segundo a forma oficial aprobada pola Real Academia Galega en novembro de 2020. Contido: Martin Pawley (Agrupación Ío). Deseño: Marta Cortacans. Podes descargar o moníptico en PDF (172 KB).

O Sol, a nosa estrela | Moníptico sobre o Sol con información sobre a súa estrutura, datos fundamentais, distancias no sistema solar, esquema sobre a evolución estelar, fitos significativos no estudo e exploración solar e información sobre as eclipses de Sol que veremos na Coruña na próxima década. Contido: Carmen Denébola (Agrupación Ío). Deseño: Marta Cortacans. Podes descargar o moníptico en PDF (485 KB).

Mapa da Lúa e Mapa do ceo coas constelacións en galego | Este moníptico ten nunha das súas caras o mapa da Lúa con indicacións dalgúns dos elementos orográficos máis importantes (mares e cráteres) e con indicación das alunizaxes das misións Apollo. Pola outra cara conta cun mapa do ceo que se pode ver desde Galicia, cos nomes das constelacións normalizados segundo a forma oficial aprobada pola Real Academia Galega en novembro de 2020. Fotografía da Lúa: Óscar Blanco (Agrupación Ío). Contido: Martin Pawley (Agrupación Ío). Deseño: Marta Cortacans. Podes descargar o moníptico en formato PDF (403 KB).

Instrucións para localizar a estrela Rosalíadecastro (2ª versión, 2021) | Nunha das súas caras aparece o mapa do ceo con explicacións para localizar a estrela Rosalíadecastro. Na outra cara do moníptico está dispoñible o mapa do ceo coas constelacións en galego destacando a zona do ceo onde atopar a estrela Rosalíadecastro. Contido: Martin Pawley (Agrupación Ío). Fotografía da estrela Rosalíadecastro: Óscar Blanco (Agrupación Ío). Deseño: Marta Cortacans. Tamén podes descargar o moníptico en formato PDF (257 KB). Editado pola Fundación Rosalía de Castro co gallo do 50º aniversario da Casa de Rosalía.

Rúa Antonia Ferrín Moreiras na Coruña | Moníptico elaborado co gallo da campaña Rúa Antonia Ferrín Moreiras na Coruña que serve para traballar a figura da astrónoma galega. Nunha das caras do moníptico recóllense as alegacións e propostas para a honra do nomeamento da rúa, na outra aproximámonos á actividade profesional e achegas de Antonia Ferrín Moreiras ao mundo da astronomía. Ilustración: Irene Sanjuan. Contido: Nuria Richer e Carmen Denébola (Agrupación Ío). Deseño: Marta Cortacans. Tamén podes descargar o moníptico en formato PDF (307 KB).

CADERNOS

Grandes ideas da astronomía (2ª edición, decembro de 2020) | Tradución ao galego do documento da Unión Astronómica Internacional “Big Ideas in Astronomy”, que propón unha serie ordenada de conceptos chave da astronomía que deberían formar parte da cultura xeral de calquera persoa ben informada nesta materia. O proxecto foi liderado pola Universidade de Leiden e contou coa participación de astrónomos e astrónomas de diversos países do mundo. A primeira edición en galego, publicada en papel e en formato dixital, data de decembro de 2019. Esta nova versión, corrixida e revisada, inclúe os pequenos cambios introducidos na segunda edición inglesa. Publicación feita co apoio do Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses. Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Maquetación: Marta Cortacans.

Tes dúas maneiras de acceder ao caderno:

Devolvámoslle a Galicia a Vía Láctea | Caderno divulgativo sobre contaminación luminosa elaborado por Martin Pawley (Agrupación Io), con deseño de Marta Cortacans e co apoio de Deleite. Na sección da nosa web sobre contaminación luminosa podes descargar a versión PDF de este folleto e mais atoparás outros recursos ligados a esta temática:  https://agrupacionio.com/gl/contaminacion-luminica/

RECORTABLES

Planisferio celeste | Un planisferio celeste é unha representación da esfera celeste nun plano bidimensional. Axuda a localizar as estrelas e as constelacións segundo a data e hora do ano. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío elaborou un planisferio recortable para a latitude da Coruña. Non está dispoñible para descarga porque a súa impresión debe ser minuciosa para evitar erros, pero podes poñerte en contacto coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para conseguir unha copia. Recurso elaborado por Martin Pawley (Agrupación Ío) con deseño de Marta Cortacans. 

Cadrante astronómico ou mariño | Un cadrante é un instrumento empregado en astronomía e navegación que serve para medir ángulos con fins de ubicación. Ten forma dun arco graduado con dúas mirillas para dirixilo cara o astro a medir (habitualmente medíase a altura sobre o horizonte da estrela polar para calcular a latitude ou a altura do Sol para calcular a hora). Chámase cadrante porque o arco represente un cuarto de círculo. Non está dispoñible para descarga porque a súa impresión debe ser minuciosa para evitar erros, pero podes poñerte en contacto coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para conseguir unha copia. Existe versión para zurdos e para diestros. Recurso elaborado por Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). 

Colección O CEO DE SATÉLITES: MATERIAIS DIDÁCTICOS DE ASTRONOMÍA PARA A INFANCIA

O Ceo de Satélites Ío: as constelacións circumpolares | Un caderno de debuxo para aprender as constelacións circumpolares. Elaborado por Nuria Fiaño e Carmen Denébola (Agrupación Ío). Dispoñible versión de descarga en PDF (2 MB). 

O firmamento animado | Un libro de contos para achegarse a dez constelacións visibles dende Galicia que representan animais. Este material didáctico para educación infantil e primaria conta cunha guía didáctica con recomendacións para o uso do material e o desenvolvemento de destrezas de lectoescritura e unha guía astronómica que serve de introdución a aspectos básicos de astronomía relacionados coas constelacións. Este recurso foi elaborado por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (Adrián Brey Seoane, Tamara Costas Pregal, Yaiza Fernández Pérez, Laura Gamallo Pérez, Helena Iglesias González e María Novo Fernández) e coordinado polo seu profesorado (Jesús Rodríguez Rodríguez, Silvia López Gómez e Tania Caamaño Liñares) e por monitoras do Grupo de Traballo Satélites da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío (Carmen Denébola e Nuria Fiaño). Este material didáctico foi elaborado co apoio e supervisión da Casa das Ciencias (Museos Científicos Coruñeses – Concello da Coruña). 

Materiais para descarga: