Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Número 26 da revista CAP xa dispoñíbel
2) A presidenta da IAU é a comisaria dunha exposición sobre arte e ciencia en Leiden, Países Baixos
3) Conectando comunidades de ceos escuros en Nova Zelandia e o mundo
4) Anunciadas as campañas 2020 de Globe at Night
5) Oportunidades de observación en Boston, EEUU
6) Acordo entre o goberno e o NOC de Palestina para aumentar a educación astronómica no país
7) APRIM 2020 marcado do 6 ao 10 de xullo de 2020
8) O proxecto global IAU100 NameExoWorlds suma máis de cen concursos nacionais
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Tivemos días moi, moi ocupados aquí na oficina IAU de divulgación da astronomía debido á celebración do simposio IAUS358: Astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión, do 12 ao 15 de novembro en Mitaka, Xapón. 124 persoas de 31 países uníronse ao primeiro simposio IAU exclusivamente dedicado ás cuestións da diversidade e a inclusión dentro da comunidade astronómica.

Neste boletín, destacamos moitos proxectos que están facendo medrar o interese pola astronomía no público: un acordo co coordinador de divulgación astronómica en Palestina para aumentar a educación astronómica nas escolas, o último lanzamento do CAPjournal e unha exposición de ciencia e arte comisariada pola presidenta da IAU, entre outros moitos eventos fascinantes. Consulta o resto do boletín e aprende máis sobre un grande número de proxectos de ciencia cidadá nos que podes participar.

Desexámosvos ceos despexados!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Número 26 da revista CAP xa dispoñíbel

Xa saíu o número 26 da revista Comunicar astronomía co público (CAP). Este número trata da crecente accesibilidade no campo da astronomía, o uso das redes sociais para incrementar o interese pola eclipse en Malasia e a campaña de divulgación da primeira imaxe dun buraco negro.

Podes ler o último número en liña aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19064/

2) A presidenta da IAU é a comisaria dunha exposición sobre arte e ciencia en Leiden, Países Baixos

A exposición “O cosmos: arte e coñecemento” combina ciencia e arte, baixo o comisariado da presidenta da IAU e profesora da universidade de Leiden Ewine van Dishoeck. A exposición está aberta no Rijksmuseum Boerhaave en Leiden, Países Baixos, do 10 de outubro de 2019 ao 15 de marzo de 2020.

Máis información, aquí: https://www.iau-100.org/art-and-science-exhibition

3) Conectando comunidades de ceos escuros en Nova Zelandia e o mundo

A conferencia Starlight de Nova Zelandia tivo lugar en Tekapo a finais de outubro de 2019. Apoiada pola asociación internacional Dark-Sky (IDA), este encontro independente convidou xente preocupada pola preservación dos ceos estrelados e tratou os moitos e variados impactos da contaminación luminosa.

Podes saber máis aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19065/

4) Anunciadas as campañas 2020 de Globe at Night

As datas de observación de Globe at Night para 2020, un proxecto de ciencia cidadá sobre contaminación luminosa, xa foron anunciadas.

A campaña de novembro de 2019 vai do 18 ao 27 coa constelación de Perseo, o heroe que acabou coa Gorgona, como zona de análise. No que vai de ano, a colaboración científica da cidadanía de todo o mundo achegou 9307 puntos de medición. Axuda a que o proxecto acade o obxectivo de 15000 observacións en 2019!

Máis información sobre as datas aquí: https://www.globeatnight.org/5-steps.php#dates2020

Información xeral, neste enderezo: https://www.globeatnight.org/

5) Oportunidades de observación en Boston, EEUU

O Proxecto de Observación de Harvard (HOP) proporciona sesións gratuítas de observación co Telescopio Clay de 0,4 m. O obxectivo do programa é non só darlle ao estudantado a oportunidade de aprender a usar o telescopio (e que os graduados e as graduadas poidan traballar con estudantes), senón tamén recoller datos útiles para a comunidade científica.

Cada semestre HOP escolle un novo foco de estudo e admite observadores e observadoras a través dunha inscrición en liña. Este semestre o foco está nos exoplanetas, seguindo as observacións de TESS. Outros temas do pasado foron as supernovas, os asteroides e a estrela de Tabby.

Este programa acontece in situ na universidade de Harvard en Boston, Massachusetts (EEUU) e non inclúe axuda monetaria para os observadores e as observadoras.

Máis información e rexistro en liña, aquí: http://astrolab.fas.harvard.edu/hop.html

6) Acordo entre o goberno e o NOC de Palestina para aumentar a educación astronómica no país.

O Ministro de Educación de Palestina asinou un acordo co coordinador de divulgación nacional de Palestina, Dawoud Tarawa, e a Sociedade Astronómica de Palestina (AAA) para aumentar a presenza da astronomía nas escolas do país. Este acordo de tres anos inclúe formación do profesorado, creación de clubs astronómicos e o desenvolvemento do currículo, entre outras actividades supervisadas por especialistas en astronomía. Parabéns a Dawoud polo seu excelente traballo!

Podedes encontrar máis información en árabe aquí: http://www.maannews.net/Content.aspx?id=999503

7) APRIM 2020 marcado do 6 ao 10 de xullo de 2020

O 14º encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM) celebrarase do 6 ao 10 de xullo de 2020 en Perth, Australia. Delegacións de toda a rexión Asia-Pacífico xuntaranse para presentar as últimas investigacións astronómicas e espaciais en grande variedade de campos a unha audiencia ampla da rexión, na procura do establecemento de novas conexións e colaboracións.

Máis información sobre o encontro, no sitio web https://aprim2020.org/

8) O proxecto global IAU100 NameExoWorlds desenvolve máis de 100 competicións nacionais

O proxecto global NameExoWorlds espertou interese internacional e recibiu moita participación e cobertura nos medios. Miles de nomes foron propostos ás respectivas campañas nacionais para nomear un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa.

Máis información, aquí: https://www.iau-100.org/name-exoworlds-update

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://www.deakin.edu.au/about-deakin/events/art-visualisation-and-the-cosmos-in-education

b) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

c) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

d) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

e) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.