Habitamos un planeta cun patrón día/noite ben definido que configura unhas condicións naturais de luz e escuridade. Estas condicións son unha parte fundamental do ecosistema global que compartimos todos os seres vivos da Terra. Os humanos, coma o resto das especies, evolucionamos suxeitos á alternancia de luz e escuridade e adaptámonos a ela con éxito. Ademais, servímonos da observación do firmamento estrelado para determinar os ciclos naturais e comprender o medio no que vivimos. A Astronomía, filla desta fascinación polo Universo, converteuse nunha ferramenta esencial para o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico. Mais esta convivencia co ceo nocturno que guiou a todas as xeracións que nos antecederon vese na actualidade interrompida. O deterioro da calidade do ceo debido á contaminación luminosa reduce drasticamente, cando non impide, a contemplación das estrelas e dos obxectos que poboan o universo. Urxe a protección deste patrimonio natural e por iso é tan importante isto que sucedeu hoxe no Parlamento de Galicia:

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno

O Parlamento de Galicia asume na súa integridade a “Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas” (Declaración de La Palma, 2007), e de maneira explícita recolle algunhas das súas ideas fundamentais:

1) O dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento debe considerarse un dereito inalienable da Humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais.

2) A difusión da astronomía e dos valores científicos e culturais asociados deberán considerarse contidos básicos a tratar na actividade educativa.

3) É imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes. Deberá promoverse e esixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural.

4) Os lugares que presenten condicións excepcionais para a contemplación do ceo, e en particular aqueles máis aptos para a observación con fins científicos, serán obxecto dunha protección especial.

5) Deberá fomentarse o turismo responsable e sostible que faga da paisaxe nocturna un recurso a protexer e poñer en valor.

Santiago de Compostela, a 29 de setembro de 2015.

Actualización: a declaración institucional en PDF no sitio web do Parlamento de Galicia (14KB).

A iniciativa en favor dunha declaración institucional en defensa do ceo nocturno foi impulsada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío co apoio e a adhesión de Cel Fosc, Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias, Calidade do Ceo, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Agrupación Astronómica Rías BaixasAsociación Astronómica SirioAsociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e TecnolóxicaClube Vega e Asociación DROSERA para Estudo e Conservación do Medio Natural.