Na excelente “Guía jurídica básica para luchar contra la contaminación lumínica” dispoñíbel no sitio web de Cel Fosc (PDF, 323 KB) Anna Almécija recórdanos que os cidadáns temos sempre dereito a relacionarnos coas administracións públicas para formular pedimentos, suxestións, expresar queixas, presentar denuncias ou solicitar información. A vía administrativa é gratuíta e consiste en realizar un escrito dirixido ao organismo correspondente e entregalo no rexistro ou a través de correo administrativo. No escrito debe constar claramente a administración á cal nos dixirimos, datos identificativos de quen o presenta e un enderezo a efecto de notificación onde poidamos recibir a resposta. Debemos levar o orixinal asinado e unha copia, que nos devolverán selada coma certificación da súa entrega.
Un problema moi común asociado á iluminación pública é o da “intrusión luminosa”. O Real Decreto 1890/2008 define luz intrusa ou molesta da seguinte maneira: “Luz procedente de las instalaciones de alumbrado exterior que da lugar a incomodidad, distracción o reducción en la capacidad para detectar una información esencial y, por tanto, produce efectos potencialmente adversos en los residentes, ciudadanos que circulan y usuarios de sistemas de transportes”.
A Ley 34/2007, de 15 de noviembre, de calidad del aire y protección de la atmósfera fai mención expresa da luz intrusa na disposición adicional cuarta, dedicada á contaminación luminosa: “Las Administraciones públicas, en el ámbito de sus competencias, promoverán la prevención y reducción de la contaminación lumínica, con la finalidad de conseguir los siguientes objetivos: (…) d) Reducir la intrusión lumínica en zonas distintas a las que se pretende iluminar, principalmente en entornos naturales e interior de edificios”.
Ninguén está obrigado a padecer intrusión luminosa no seu fogar así que a queixa ante a autoridade non só é lexítima senón que como vedes está apoiada por lexislación de rango estatal. Os concellos son os que teñen competencia en iluminación pública, así que con carácter xeral será a eles a quen nos teñamos que dirixir. Achegamos un modelo moi básico de texto para presentar unha queixa por luz intrusa:
AO CONCELLO DE [indicar Concello]
[Nome e apelidos] con DNI número [indicar DNI] e domicilio a efecto de notificacións en [enderezo completo]
EXPÓN:
Que na [rúa/praza/etc; indicar nome] hai instalada unha farola á altura do número XXX [ou “incrustada no edificio XXX”, ou a descrición que máis se axuste ao problema], que emite luz cara ao chan mais tamén cara ao ceo. É unha luz de gran potencia que entra directamente no meu domicilio pola xanela do comedor [ou dormitorio, ou o que sexa], feito que causa grandes molestias a min e á miña familia.
Ademais, a emisión de luz por riba do hemisferio superior é contraria aos principios de eficiencia e aforro enerxético, altera a paisaxe nocturna e provoca danos ao medio ambiente. A “Ley estatal 34/2007, de 15 de noviembre, de calidad del aire y protección de la atmósfera” recolle expresamente a obriga das administracións públicas a previr e reducir a contaminación luminosa. As condicións técnicas das instalacións de iluminación exterior veñen reguladas polo Real Decreto 1890/2008 que marca entre outros o obxectivo de limitar a contaminación luminosa e reducir a intrusión luminosa.
Por todo iso,
SOLICITO
Que se proceda á substitución ou apantallamento das farolas indicadas de maneira que se proxecte luz só onde se precisa e se evite a intrusión luminosa.
En [indicar concello], a [día] de [mes] de [ano].
[Sinatura]
Recomendamos unha vez máis a consulta da guía xurídica citada ao comezo desta anotación, que inclúe modelos para outros tipos de comunicacións coa administración relacionados coa contaminación luminosa.
¡Estupendo recurso! Boísimo traballo de Cel Fosc, moitas gracias Martin 😀