Boletín de divulgación da IAU: Novembro 2018 #1


Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Premio “Dark Sky Defender” para Globe At Night – Rede de seguimento do brillo do ceo
2) Convocatoria aberta de cartas de intención para establecer a Oficina de Astronomía para a Educación da IAU
3) Premio de Doutoramento da IAU
4) Celebracións IAU100 en todo o planeta
5) Novas de España
6) Novas de Brasil
7) Cafés científicos na Reserva de Ceo Escuro de Portugal
8) Noite Internacional de Observación da Lúa
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Nun par de meses comezará o ano de celebración do centenario (IAU100) da Unión Astronómica Internacional (IAU), e o noso equipo estará intensamente comprometido na divulgación de noticias sobre os eventos de IAU100 que sucedan en todo o mundo. Pedímosvos a todos e a todas que contactedes connosco e compartades as vosas actividades.

Temos un ano emocionante por diante! Como grande evento de inicio de IAU100, o Proxecto Global “100 horas de Astronomía” organízase do 10 ao 13 de xaneiro de 2019. Animamos a todas as persoas a participar neste esforzo conxunto para levar a astronomía ao público en xeral. O programa “Escolas Einstein” é outro Proxecto Global IAU100 para aprender e comunicar a gravidade na astronomía dunha maneira creativa e orixinal. No espírito da IAU, o proxecto pon énfase na colaboración mundial entre as escolas participantes. Estudantes e profesorado poden participar nas celebracións IAU100 e formar parte dunha Escola Einstein.

Neste número, destacamos o Premio de Doutoramento da IAU, a convocatoria de cartas de interese para a próxima Oficina de Astronomía para a Educación da IAU e as últimas celebracións mundiais da IAU100.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) Premio “Dark Sky Defender” para Globe At Night – Rede de seguimento do brillo do ceo

Cada ano, a IDA, International Dark-Sky Association, recoñece e celebra os incríbeis logros de individuos e grupos comprometidos coa misión de preservar e protexer o ambiente natural nocturno. Entre as persoas gañadoras do Premio IDA Dark Sky Defender de 2018 están Jason Chun-Shing Pun, Chu-Wing So e Sze-Leung Cheung, o noso Coordinador Internacional de Divulgación da IAU, pola iniciativa Globe At Night – Rede de seguimento do brillo do ceo (GaN-MN), un proxecto multinacional para o seguimento a longo prazo das condicións do ceo nocturno en todo o mundo.

Máis información: http://darksky.org/international-dark-sky-association-announces-2018-award-recipients/

2) Convocatoria aberta de cartas de intención para establecer a Oficina de Astronomía para a Educación da IAU

A Unión Astronómica Internacional (IAU) está en proceso de crear a Oficina de Astronomía para a Educación (OAE) para lograr os obxectivos establecidos no Plan Estratéxico da IAU 2020-2030. A IAU convida os países membros e as institucións interesadas en ser anfitrioas da OAE a presentar Cartas de intención. As cartas de intención deben enviarse ao Secretario Xeral da IAU antes do 31 de decembro de 2018.

Podes ler máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann1854/

3) Premio de Doutoramento da IAU

En 2016 a IAU creou un novo premio: o Premio de Doutoramento da IAU. Unha vez ao ano, cada División da IAU, incluída a División C de Educación, Divulgación e Patrimonio, ten a oportunidade de outorgar un premio ao candidato ou candidata que realizou o traballo máis notábel do ano anterior. O Premio de Doutoramento da IAU está aberto a persoas de calquera país, independentemente de se o país ten ou non unha sección nacional da IAU. O obxectivo é recoñecer os logros máis sobresaíntes en astrofísica en todo o mundo, mesmo en etapas temperás da carreira científica. A data límite para as solicitudes é o 15 de decembro de 2018.

As condicións e os detalles da solicitude poden consultarse no sitio web da IAU. O formulario de solicitude está dispoñíbel aquí: https://www.iau.org/submissions/phd-prize/

4) Celebracións IAU100 en todo o planeta

De Colombia a Madagascar, de Exipto a Xapón, en todo o mundo están a comezar as actividades de lanzamento do IAU100 e as convocatorias globais de eventos. Con eventos de astronomía de todo tipo, incluídos eventos nacionais e culturais, o IAU100 involucra a comunidades diferentes en todo o planeta. Convidámosvos a coñecer os Comités Nacionais IAU100 e as persoas que vos apoiarán durante as celebracións de 2019.

Máis información: https://www.iau-100.org/national-committees

5) Novas de España

Cultura con C de Cosmos abre en Madrid

O Proxecto “Cultura con C de Cosmos” lanzouse oficialmente o pasado 23 de outubro. É un proxecto interdisciplinario co obxectivo de comunicar a astronomía e a astrobioloxía a través das coleccións e actividades dun grande número de institucións culturais en Madrid (España), a través da promoción das súas pezas artísticas desde unha perspectiva científica. Está coordinado polo Centro de Astrobioloxía (CAB/CSIC-INTA), con financiamento do FECYT e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España. Se estás en Madrid, non o perdas! O Proxecto desenvolverase desde outubro de 2018 até marzo de 2019.

Máis información no sitio web do proxecto (en español): https://culturaccosmos.es

Grazas a Amelia Ortiz-Gil, NOC da IAU en España, por compartir esta actividade connosco.

6) Novas de Brasil

XXVI Semana de Astronomía no Museu de Astronomia e Ciências Afins

Do 13 ao 17 de novembro, Río de Janeiro, Brasil, será a sede da XXVI Semana de Astronomía do Museu de Astronomia e Ciências Afins. Para celebrar o Día da Conciencia Negra no Brasil, o Museu de Astronomia levará ao público as contribucións dos pobos africanos á astronomía moderna e cultural. Durante cinco días, o público poderá seguir os últimos descubrimentos científicos a través de moitas actividades e conferencias para todas as idades. Unha das novidades deste ano é un programa para o profesorado que se desenvolverá en paralelo ao programa para visitantes do museo e será impartido por científicos e científicas do continente africano.

Máis información nesta ligazón (en portugués): https://bit.ly/2zK51EY

Grazas a Eduardo Penteado, NOC da IAU no Brasil, por compartir o evento connosco.

7) Cafés científicos na Reserva de Ceo Escuro de Portugal

O Observatorio do Lago Alqueva (OLA) é un observatorio astronómico situado na Reserva de Ceo Escuro no Alentejo, Portugal. OLA ten como obxectivo que os visitantes atopen un lugar agradábel para a descuberta do Universo e a aprendizaxe da astronomía e a astrofotografía, nunha das áreas máis protexidas da contaminación luminosa de Europa. Unha das súas actividades máis destacadas son os cafés científicos. Se estás en Portugal, non perdas a oportunidade de visitar a reserva e asistir a dúas conferencias (en portugués, con presentación de diapositivas en inglés) o 17 de novembro e o 15 de decembro. O evento transmítese en vivo á comunidade de fala portuguesa en Santo Tomé e Príncipe (tamén pode verse en YouTube).

Grazas a Ana Alves e ao equipo de OLA por compartir a nova.

8) Noite Internacional de Observación da Lúa

A Noite Internacional de Observación da Lúa (InOMN) é unha celebración mundial da ciencia e a exploración lunar que se celebra cada ano desde 2010. Durante case unha década, 104 países participaron nesta celebración mundial do noso satélite. Este ano, 75 países participaron con máis de 1100 eventos rexistrados en moon.nasa.gov/observe, moi por riba dos 633 eventos rexistrados o ano pasado. O Comité de Coordinación InOMN está dirixido polo Equipo de Participación Pública do Orbitador de Recoñecemento Lunar da NASA no Goddard Space Flight Center da NASA.

Podes saber máis sobre este evento anual en https://moon.nasa.gov/observe-the-moon/annual-event/overview/

Grazas a Staci L. Tiedeken, Coordinadora de Difusión da División de Exploración do Sistema Solar, por compartir connosco as novas.

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Conferencia  científica Asia-Pacífico 2018: reforzando a comunicación da ciencia na rexión Asia-Pacífico
Datas: do 19 ao 21 de novembro de 2018
Lugar: Singapur
Máis información: https://apsc2018.sg

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com