Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Setembro 2019 #2 | Especial Rede de Tradución Astronómica (ATN) da IAU

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Rede de tradución astronómica da IAU (ATN): proxecto e obxectivos
2) Fluxo de traballo da ATN: asegurar traducións fiábeis
3) Voluntariado e linguas da ATN
4) Grupos de idioma ATN
5) Recursos traducidos dispoñíbeis
6) Parceiros e colaboracións do proxecto
7) Celebrando a diversidade durante o ano internacional das linguas indíxenas
8) Únete á nosa rede
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Esta edición do boletín é moi especial. O 30 de setembro, as Nacións Unidas celebran o Día Internacional da Tradución, unha oportunidade para homenaxear o traballo dos e das profesionais da linguaxe que xogan un rol importante na unión das nacións, facilitando o diálogo, a comprensión e a cooperación (segundo expresa a ONU). Coa rede de tradución astronómica (ATN) da IAU queremos destacar a importancia do rol dos nosos tradutores e tradutoras e as moitas achegas dos últimos tres anos desta vibrante comunidade de voluntarios na tradución, revisión científica e coordinación de linguas. A nosa oficina, en liña coa misión de cooperación internacional da IAU, axuda a romper barreiras e facer posíbel o acceso á información astronómica.

Este programa comezouno hai case tres anos a Oficina IAU de Divulgación Astronómica co apoio da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, Astronomía sen fronteiras e o Square Kilometre Array e queremos darlles as grazas pola súa valiosa colaboración no proxecto ATN.

Neste número, queremos recoñecer o labor das persoas que asumen a tradución e a coordinación de lingua do grupo. Sen o seu esforzo incansábel e o seu tempo non poderíamos poñer eses recursos astronómicos ao alcance de tanta xente. Queremos tamén destacar os recursos traducidos e pedirvos que difundades as vosas mensaxes sobre como empregades os materiais traducidos.

Por último, mais non é menos importante, unhas palabras de agradecemento ás persoas que traducen este boletín que, algúns deles desde hai case cinco anos, levan traducíndoo de maneira continuada. Queremos enviarvos o noso máis cálido agradecemento polo incríbel apoio pasado e presente: Liliana Gracanin (serbio), Akihiko Tomita (xaponés), Catarina Leote, Joao Ferreirae Jonas Souza (portugués), Emilo Zuñiga (español), Martin Pawley (galego), Eleonora Piromalli (italiano) e Artem Mokhnaktin (ruso).

Desexámosvos ceos despexados!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Rede de tradución astronómica da IAU (ATN): proxecto e obxectivos

A rede de tradución astronómica (ATN) é un grupo baseado no traballo voluntario que procura incrementar a accesibilidade mundial de materiais de divulgación astronómicos. En 2016 a nosa investigación indicou que había materiais de divulgación astronómica creados unha e outra vez en distintas linguas, a miúdo con diferentes niveis de calidade. Para asegurar que os mellores materiais astronómicos estivesen dispoñíbeis para todas as persoas, a IAU e os seus parceiros crearon a rede de tradución con tres obxectivos:

-Proporcionar acceso aos mellores recursos astronómicos abertos sen a barreira do idioma.

-Crear unha rede de tradutores e tradutoras activas para apoiar as necesidades de tradución.

-Proporcionar traducións de alta calidade a través de procesos de avaliación e revisión.

Por medio dun rigoroso proceso de tradución, lectura crítica e comprobación científica, os nosos 400 voluntarios e voluntarias fixeron máis de cen traducións desde a inauguración da rede a mediados de 2017. Agora que nos achegamos á década dos vinte, a ATN seguirá crecendo, proporcionando apoio e oportunidades aos voluntarios e voluntarias e ás persoas dedicadas á docencia e a divulgación en todo o mundo.

Visita o sitio web oficial neste enderezo: http://translation.iau.org/en/.

2) Fluxo de traballo da ATN: asegurar traducións fiábeis

Para asegurar que as traducións son fiábeis tanto en calidade da lingua como en contido, estableceuse un proceso de tradución coidado na creación da rede. Unha vez que se identifican os recursos, seleccionados nunha investigación previa ou solicitados pola comunidade, ofrécenselles aos equipos de tradución para que fagan as versións en cada idioma. Cando a tradución está feita, outro voluntario ou voluntaria revisa a tradución. Por último, un profesional da astronomía comproba o contido na lingua de destino para asegurarse de que se preserva a integridade científica.

Podes coñecer máis sobre o noso fluxo de traballo aquí.

3) Voluntariado e linguas da ATN

Desde 2017 demos a benvida a case 400 voluntarios e voluntarias interesados en traducir a 55 linguas diferentes. Estas linguas abranguen todo o planeta desde Indonesia a Grecia, de Quenia a Colombia, Bulgaria ou a India, e linguas como o waray e hiligaynon das Filipinas, o zulú de África do Sur e o xeorxiano de Xeorxia. Sen o noso voluntariado que ofrece o seu coñecemento lingüístico non seríamos capaces de achegar estes recursos á xente en todo o mundo, así que non podemos agradecerlles o suficiente a enerxía que dedican ás traducións.

Podes saber máis sobre o voluntariado ATN aquí.

4) Grupos de idioma ATN

Para os idiomas con máis persoas dedicadas á tradución, polo menos dez, creamos os grupos de idioma para traducir de maneira máis eficiente os recursos. Estes equipos están liderados polos coordinadores/as de grupo de idioma, que facilitan o proceso de tradución aos membros do equipo. Grazas a estes coordinadores/as e o entusiasmo que xeran nos grupos, podemos facer traducións para algunhas das linguas máis faladas. Queremos darlles as grazas polo seu incríbel traballo ás persoas que coordinan os grupos:

Portugués (Brasileño e europeo) – Tereza N. P. e Catarina L.

Español – Teresa G. e Mariana L.

Malaio – Imanda B.Indonesio – Ratna S., Yatny Y. e Aviyah Y.

Francés – Bérénice H.

Chinés simplificado – Liu B.

Chinés tradicional – Lauren H.

Filipino – Lanz L. e Pecier D.

Polaco – Krzystof C.

5) Recursos traducidos dispoñíbeis

Os recursos traducidos pola rede de tradución astronómica inclúen material educativo, principalmente do banco astroEDU de actividades astronómicas educativas revisadas por pares; paneis expositivos; guías; materiais de promoción para eventos de divulgación astronómica; e mesmo este boletín! Queremos traducir material producido baixo licencias creative commons para que moita xente poida ter acceso aos recursos sen restricións.

Podes atopar unha listaxe dos recursos dispoñíbeis no sitio web da ATN.

Queremos que os nosos recursos sexan tan diversos e útiles para a comunidade como sexa posíbel, así que se precisas unha tradución dun recurso astronómico, podes solicitalo aquí.

6) Parceiros e colaboracións do proxecto

A rede de tradución astronómica pretende poñer a astronomía a disposición de todas as persoas, o que significa apoiar a outras organizacións que promoven a astronomía. Dende que a rede comezou en 2017, axudamos a Semana Mundial do Espazo, Globe at Night e International Observe the Moon Night a traducir material para aumentar a accesibilidade dos seus eventos en todo o mundo.

Tamén nos asociamos coa escola de tradución ISIT en Francia para ofrecerlles aos estudantes a práctica das súas habilidades de tradución e xestión nun campo moi específico. A nosa asociación co ISIT derivou en directrices para a tradución en inglés e francés, así como nun plan estratéxico para a rede.

7) Celebrando a diversidade durante o ano internacional das linguas indíxenas

Este ano é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas e levámolo celebrando todo o ano. As linguas desempeñan un rol importante na comprensión e na memoria de cada persoa e contribúen á diversidade do coñecemento en todo o mundo. A astronomía está presente en todas as culturas e grazas ao traballo do voluntariado da ATN máis xente ten a oportunidade de afondar na súa conexión coa lingua propia e a súa relación cultural coas estrelas.

8) Únete á nosa rede

A astronomía ten o poder de rachar fronteiras. A ciencia debe ser accesíbel para todas as persoas, e facilitar este acceso a entusiastas da astronomía en todo o mundo é posíbel grazas ao noso voluntariado. Se falas máis dunha lingua e queres apoiar o acceso á astronomía entre as túas amizades, familia, estudantes, xente do teu país ou xente máis alá das túas fronteiras, únete á rede aquí.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

b) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

c) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

d) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.