Durante este Nadal, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza e colabora nun amplo programa de actividades divulgativas na cidade da Coruña que combina astronomía, educación, historia e cultura audiovisual. A proposta está pensada para públicos moi diversos —infantil, familiar e adulto— e funciona tamén como un primeiro achegamento á eclipse total de Sol que será visible desde Galicia o 12 de agosto de 2026, a primeira en máis dun século.
O programa estrutúrase arredor dunha exposición infantil sobre constelacións, un obradoiro de planisferios, unha charla divulgativa sobre as eclipses de Sol no cinema e unha visita guiada a fondos históricos de astronomía, en colaboración con diferentes institucións da cidade da Coruña.
O firmamento animado: constelacións, contos e astronomía para a infancia
Dende o 22 de decembro de 2025 ata o 31 de xaneiro de 2026, as bibliotecas municipais infantís do Ágora e do Fórum Metropolitano acollen a exposición O firmamento animado, unha mostra pensada especificamente para achegar a astronomía ás nenas e nenos máis pequenos a través da narración oral, a ilustración e a observación do ceo.
A exposición presenta dez constelacións visibles dende Galicia que teñen nome de animais, cada unha delas acompañada dun conto orixinal. O obxectivo é introducir conceptos astronómicos básicos —como o recoñecemento de patróns no ceo ou a idea de constelación— desde unha perspectiva lúdica e adaptada ás primeiras idades.
O firmamento animado baséase no libro didáctico elaborado por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo seu profesorado e por monitoras do Grupo de Traballo Satélites da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, coa colaboración e supervisión da Casa das Ciencias (Museos Científicos Coruñeses – Concello da Coruña). O proxecto, presentado en 2023, foi crecendo ao longo destes anos e inclúe tamén guías didácticas e astronómicas, así como materiais complementarios (audios, imprimibles…) pensados para o seu uso en contextos educativos.
A exposición pode visitarse gratuitamente nos horarios habituais das bibliotecas infantís e non require inscrición previa. Ademais, trátase dunha exposición que prestamos de balde: centros educativos, centros cívicos e entidades interesadas poden solicitala para a súa exhibición temporal, encargándose unicamente da recollida e devolución do material.
Obradoiro de planisferios: aprender a orientarse no ceo
O sábado 27 de decembro ás 12:00, a Biblioteca da Casa Consulado acollerá un obradoiro práctico e participativo no que as persoas asistentes construirán un planisferio celeste, unha ferramenta sinxela pero fundamental para aprender a recoñecer as constelacións visibles desde Galicia ao longo do ano.
Durante a sesión explicarase como varía o firmamento co paso das horas e das estacións, e ofreceranse tamén nocións básicas para a observación segura da eclipse total de Sol de 2026.
A actividade está orientada a público familiar (as nenas e nenos deben ir acompañados de persoas adultas) e todo o material necesario será achegado pola organización.
O eclipse no cinema: ciencia, técnica e imaxinario audiovisual
O luns 29 de decembro ás 19:30, o planetario da Casa das Ciencias acollerá a charla “Eclipses no cinema”, impartida por Martin Pawley, crítico e programador cinematográfico e coordinador dos grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A sesión propón un percorrido por distintas películas nas que aparece a ocultación do Sol pola Lúa, desde exemplos puramente narrativos ata casos singulares como Barrabás, que contén unha escena filmada durante unha eclipse total real, un enorme desafío técnico para o cinema da época. A actividade celébrase en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e terá entrada libre ata completar capacidade.
Libros antigos de astronomía: a memoria escrita do ceo
O sábado 3 de xaneiro ás 12:00, a Biblioteca da Casa Consulado ofrecerá unha visita guiada centrada no seu fondo antigo de astronomía, con volumes dos séculos XVIII e XIX e mesmo anteriores.
A través destes libros —de Sacrobosco a Ramón María Aller, pasando por Lalande, Lacaille, John Herschel ou Flammarion— poñerase en valor a histórica relación da biblioteca e da cidade co estudo do ceo. A actividade está orientada a persoas maiores de 14 anos e adultas e require inscrición previa gratuíta a través da biblioteca.

