-A actividade é gratuíta, con entrada libre até completar a capacidade do recinto en cada caso.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza un ano máis o Encontro da Noite, xornada divulgativa sobre contaminación luminosa, protección da noite e posta en valor da paisaxe nocturna que conta co apoio do Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses. Igual ca o ano pasado, en 2025 a xornada desdóbrase en dúas sesións.
A primeira parte do Encontro da Noite, o próximo sábado 18 de outubro pola tarde, celebrarase no local da A. C. Alexandre Bóveda (primeiro andar do edificio do Circo de Artesáns, r/ Santo André, 36 – 1º, A Coruña). comezará ás 18h cunha conversa arredor do libro “La Tierra exhausta. Conversaciones sobre crecimientos e colapsos” entre o autor, Joaquim Semprere, e o xornalista especializado en temas ambientais e membro da Agrupación Ío Juan F. Samaniego. No libro “La Tierra exhausta”, editado por Pasado & Presente, seis personaxes, preocupados polas ameazas que pesan sobre o futuro, encóntranse ao longo de 17 tardes para conversar sobre a crise ecolóxica, a emerxencia climática, a transición enerxética, as desigualdades, o colonialismo e algúns temas máis. Os temas tratados son controvertidos e formulan preguntas decisivas: hai que deter o crecemento económico? Como afrontar as emerxencias para saír delas o mellor posíbel? En que punto da historia estamos?
Joaquim Sempere (Barcelona, 1941) é doutor en Filosofía pola Universidad de Barcelona e licenciado en Socioloxía pola Universidade de Nanterre. Dende 1992 até a súa xubilación foi profesor de Socioloxía e Socioloxía Ambiental na Universidade de Barcelona. O seu traballo puxo o foco no papel da ciencia nos conflitos socioambientais.
Despois, ás 19h, a cronobióloga da Universidad de Murcia Marián Rol de Lama impartirá unha conferencia co título “Cuando encender la noche perjudica la salud”, na que explorará como a luz artificial pola noite afecta a saúde das persoas. María de los Ángeles Rol de Lama é doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. É catedrática de Fisioloxía na Universidade de Murcia, onde dirixe o laboratorio de Cronobioloxía e Sono.
Durante a sesión haberá un posto da libraría Azeta para que as persoas interesadas en adquirir o libro de Joaquim Sempere ou algún dos libros sobre cronobioloxía e a ciencia do sono escritos por profesionais do CronoLab, o laboratorio da Universidad de Murcia.
A segunda parte do “Encontro da Noite” acontecerá o martes 4 de novembro ás 19:30no Planetario da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarida na Domus. O astrónomo e divulgador estadounidense John C. Barentine impartirá a charla “A protección do espazo”, que pon o foco no Center for Space Environmentalism, un organismo que naceu este mesmo ano co obxectivo de protexer o medio espacial contra as diversas ameazas presentes e futuras: superpoboación de obxectos en órbita, lixo espacial, impacto ambiental da astronáutica, usos comerciais do espacio e límites éticos á exploración doutros mundos. A conferencia será impartida en inglés.
John C. Barentine é doutor en astronomía pola Universidade de Texas e traballou como astrónomo en diversos observatorios así como na International Dark-Sky Association. É director executivo e consultor principal de Dark Sky Consulting, LLC., entidade que asesora nas áreas de contaminación luminosa, calidade do ceo e astronomía. Escribiu os libros “The Lost Constellations” e “Uncharted Constellations”, sobre as constelacións que poboaron os atlas do pasado mais non se manteñen na clasificación actual.

