
Co gallo do 20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas, organizamos un encontro cultural saharauí-galego baixo o título “Sáhara Occidental: non des a esquecemento” en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Comunidade Saharauí en Galiza. Arredor do té, como é costume no Sáhara, iranse sucedendo as intervencións da astrofísica Andrea Rodríguez Antón (INCIPIT e Proxecto Amanar), que falará da astronomía cultural saharauí, e de Suado Brahim Salem e Baba Mohamed Lamin Ali (Comunidade Saharauí en Galiza), que nos achegarán a cultura e o modo de vida do pobo saharauí.

Con motivo do solsticio de verán, celebramos un contacontos dirixido a público familiar e infantil, no que aprenderemos sobre o ceo nocturno a través de contos sobre constelacións que representan animais. Este contacontos está baseado no libro O firmamento animado, un material didáctico elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Casa das Ciencias, que nos transporta nunha viaxe máxica polo firmamento que vemos desde Galicia ao longo do ano.