Eclipse Total de Sol 2026
O 12 de agosto de 2026 viviremos na Coruña un evento que non volveremos a vivir na cidade ata 2180.
Gozar da eclipse require certo coñecemento e certa organización ou previsión porque o Sol estará moi baixo no horizonte durante a totalidade, así que un horizonte despexado cara ao Noroeste pode marcar a diferenza entre ver a totalidade ou perdela. A idea clave é simple: non chega con estar na cidade na que será visible a eclipse total de Sol, hai que ver o Sol dende o punto concreto onde fiques esperando por ese gran momento.
Seguridade, sempre: para calquera fase parcial, non mires ao Sol sen protección homologada (lentes para eclipses con norma ISO), podes empregar no seu lugar métodos de observación indirecta. A totalidade é o único momento no que se pode retirar a protección, e só mentres o Sol estea completamente cuberto.
Por que aprender sobre isto?
Unha eclipse total de Sol non é só “algo bonito no ceo”. É unha experiencia pouco frecuente que combina asombro, coñecemento e convivencia, e que ademais require facer as cousas ben para gozala con seguridade.
1) Porque entender o que ves multiplica a experiencia. Saber por que a Lúa pode tapar o Sol, por que existe unha franxa de totalidade, ou por que cambian a luz e o ambiente durante uns minutos, fai que non sexa “unha curiosidade”, senón un momento que lembramos como unha vivencia completa.
2) Porque a seguridade non é intuitiva. A maior parte do tempo (antes e despois da totalidade) o Sol non se pode mirar directamente. Aprender isto con calma evita riscos e axuda a que toda a familia participe sen improvisacións.
3) Porque é un plan perfecto para gozar en calquera circunstancia. É un plan válido para facer con mascotas, en familia, coa compañía de amizades ou de xeito individual. A eclipse é unha desculpa marabillosa para saír ao exterior, practicar a paciencia e a observación e compartir unha actividade científica interxeracional. Con dous ou tres pasos sinxelos (lugar + horario + protección) convértese nun plan inesquecible.
4) Porque é cultura científica. Vivimos rodeados de información: predicións, vídeos, “trucos”, consellos contraditorios… Aprender o básico dá ferramentas para distinguir o fiable do perigoso e para explicarlle isto a outras persoas.
E por que traballalo na escola?
Unha eclipse total de Sol é unha oportunidade didáctica excepcional porque permite conectar ciencia real, observación directa e pensamento crítico cun fenómeno que vai ocorrer na nosa contorna. Como proxecto de centro permite pensar unha proposta na que o alumnado investiga, prepara, comunica e comparte a experiencia e o aprendido, vinculando aprender sobre a Eclipse de Sol a outros proxectos de radio escolar ou con carácter interxeracional e de implicación da comunidade educativa onde o alumnado sexa guía de aprendizaxe para as súas familias, outras compañeiras e compañeiros do centro, ou vecindade do barrio ou localidade.
En termos de competencias, podemos vencellalo a:
-
Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM): comprensión de modelos (Sol-Terra-Lúa), escalas, movementos aparentes, luz e sombra, e lectura de evidencias.
-
Competencia dixital (CD): uso crítico de ferramentas (mapas, simuladores, apps de horizonte), contraste de fontes e verificación de información.
-
Competencia persoal e social (CPSAA): planificación, atención á seguridade, autorregulación e aprendizaxe baseada en proxectos.
-
Competencia cidadá (CC): cultura científica para decidir con criterio (seguridade ocular, fake news, responsabilidade colectiva).
En termos de materias, algunhas ideas son:
-
Ciencias da Natureza / Bioloxía e Xeoloxía / Física e Química: sistema Sol-Terra-Lúa, fases da Lúa, estacións, óptica básica, atmosfera, método científico (hipóteses–observación–rexistro).
-
Matemáticas: medidas e estimacións (ángulos, tempos), representación de datos, proporcións e escalas.
-
Xeografía e Historia: localización e orientación (horizonte, puntos cardinais), lectura de mapas, impacto social e memoria cultural das eclipses.
-
Linguas: produción oral e escrita (explicar con precisión, distinguir opinión de evidencia, elaborar textos e infografías).
-
Educación en valores / titoría: seguridade, coidado, responsabilidade, cooperación e aprendizaxe-servizo coa comunidade.
Materiais didácticos
En construción, pouco a pouco iremos activando os contidos dispoñibles. Pero esta é a previsión:
- A exposición dispoñible na web en formato dixital e baixo demanda en formato impreso para itinerar por centros educativos, bibliotecas, centros cívicos e outras entidades culturais e sociais de Galicia, está composta por 2 paneis de 170 cm x 150 cm presentados nun formato de cartón que se plega en acordeón para ser fácil de transportar. A exposición está organizada en tres bloques que nos axudan a:
- Entender que é unha eclipse total de Sol e por que é un aliñamento tan excepcional.
- Anticipar o que veremos nas diferentes fases (incluída a totalidade) e o que cambia no ceo e no ambiente.
- Planificar a observación do 12 de agosto de 2026, cun foco especial en como escoller lugar e en seguridade ocular.
- Materiais complementarios para ampliar a “visita” e traballar na aula e no fogar: recursos didácticos, ligazóns a ferramentas de planificación, mapas e contidos descargables.
Eclipse Parcial de Sol 2017
“A nosa estrela: divulgación científica e cultural do Sol” foi un proxecto desenvolvido ao amparo do programa Cultura de Barrio do Concello da Coruña para achegar a astronomía e a observación segura do Sol á cidadanía, con eventos realizados en agosto de 2017 en diferentes barrios da cidade. A continuación podes atopar información e descargables do proxecto.
Materiais didácticos
- ANE Exposición. Unha exposición de 8 paneis en tamaño de 778 mm x 1323 mm. A exposición está dispoñible para cesión gratuita a escolas, asociacións culturais ou sociais e entidades públicas. Descarga a exposición premendo aquí (PDF, 27 Mb).
- ANE Moníptico. Moníptico sobre o Sol con información sobre a súa estrutura, datos fundamentais, distancias no sistema solar, esquema sobre a evolución estelar, fitos significativos no estudo e exploración solar e información sobre próximas eclipses. Descarga o moníptico aquí (PDF, 485 Kb).
- ANE Mapa cultural. Un mapa mundi con dúas actividades que relacionan cultura e sol. Descarga o recurso aquí (PDF, 4 Mb).
- ANE Bandeiras. Colección de bandeiras que fan alusión ao Sol, en diferentes representacións. Descarga o recurso aquí (PDF, 3 Mb).
- ANE Libro de visitas. Este libro de visitas combina unha actividade de debuxo a través da observación do Sol, con unha recollida de opinións e valoracións das persoas participantes na actividade. Descarga o recurso aquí (PDF, 611 Kb).
- ANE Fotografías. No desenvolvemento do proxecto realizáronse diversas actividades abertas ao público nos barrios da cidade da Coruña, que podes ver neste album do proxecto. Ademais, do día da eclipse parcial de Sol do 21 de agosto de 2017 hai un album específico da eclipse e como foi vivenciado pola poboación. Ademais, despois deste proxecto fixeronse diferentes observacións públicas do Sol que podes atopar en diferentes albumes no noso Flickr.
- ANE Montage fotográfica. Vídeo del eclipse parcial de Sol de 2017 a través de una selección de fotografías. Puede verse en el YouTube de la Agrupación.
Imaxe visual
- ANE Logotipo. Logotipo do proxecto dispoñible con fondo branco ou negro. Descarga os logotipos aquí (zip, 110 kb).
- ANE Twitter. Imaxe visual para a rede social Twitter (X) con dobre estilo (formato portada e formato publicación). Descarga as imaxes estilo portada (zip, 3 Mb). Descarga as imaxes estilo publicación (zip, 1 Mb).
- ANE Facebook. Imaxe visual para a rede social Facebook con dobre estilo (formato portada e formato publicación). Descarga as imaxes estilo portada (zip, 837 Kb). Descarga as imaxes estilo publicación (zip, 2 Mb).
- ANE Instagram. Imaxe visual para a rede social Instagram. Descarga as imaxes aquí (zip, 3 Mb).
- ANE Fotografías Backstage. Fotografías das persoas colaboradoras durante os procesos de formación, montaxe e peche das actividades desenvolvidas. Acceso ao album aquí.
Xestión e coordinación
- ANE Proxecto. Descarga aquí (PDF, 419 Kb).
- ANE Divulgación barrios. Descarga aquí (PDF, 2 Mb).
- ANE Xestión. Descarga aquí (PDF, 960 Kb).
- ANE Formación e coordinación. Descarga aquí (PDF, 292 Kb).
Tránsitos
Un tránsito é un fenómeno astronómico no que un corpo celeste pasa por diante doutro desde o noso punto de vista, de maneira que o vemos recortado sobre o disco do obxecto do fondo. O caso máis coñecido é o dun planeta que pasa diante do Sol visto desde a Terra: por exemplo, un tránsito de Mercurio ou de Venus. Nese momento, o planeta non “tapa” o Sol por completo: vese como un pequeno punto negro que avanza lentamente polo disco solar durante varias horas.
Como se relaciona isto coas eclipses? As eclipses son, en realidade, un caso particular (e moito máis espectacular) desa mesma idea de “algo pasando por diante doutra cousa”, pero coa diferenza decisiva do tamaño aparente e das sombras:
- Nun tránsito, o corpo que pasa diante é normalmente moito máis pequeno en tamaño angular ca o disco de fondo. Resultado: vemos un punto (ou disco pequeno) desprazándose, e a baixada de luz é mínima (non é perceptible para o ollo humano, mais si con equipos técnicos).
- Nunha eclipse de Sol, o que “transita” é a Lúa diante do Sol, pero como a Lúa e o Sol teñen tamaños aparentes semellantes no ceo, pode chegar a cubrir o disco solar de forma parcial ou total. Aquí xa non é só “ver un punto”: entra en xogo a umbra e penumbra, e por iso vivimos cambios de iluminación e ambiente.
Tránsito de Mercurio, 11 de novembro de 2019
O 11 de novembro de 2019 foi posible observar un tránsito do planeta Mercurio que a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío observamos e retransmitimos. Podes ver fotografías do tránsito de Mercurio 2019 neste album.
Tránsito de Mercurio, 9 de maio de 2016
O 9 de maio de 2016 a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses realizamos un directo do Tránsito de Mercurio dende a Coruña (Casa das Ciencias, Parque de Santa Margarida). Polas condicións meteorolóxicas non foi posibel facer o seguemento completo, pero igualmente fixemos unha gravación do ambiente vivido durante a xornada. Podes ver o vídeo do tránsito de Mercurio 2016 nestes dous enlaces a Youtube da Agrupación: Tránsito (primeira parte) e Tránsito (segunda parte).