Que: Co lema ‘Encontro da Noite’ a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza cada ano unha xornada divulgativa sobre contaminación luminosa, preservación da escuridade natural nocturna e posta en valor do patrimonio ambiental e cultural da noite. Na súa sétima edición, en 2026, investiga da man da Filmoteca de Galicia a presenza da escuridade natural da noite no cinema.
Nesta primeira sesión ábrese un diálogo entre dúas obras que teñen na noite o seu marco fundamental. Dunha banda o álbum ilustrado Soño dunha sombra de Xosé Cobas, que explora o paso do tempo e os matices da luz a través das diferentes estancias da casa do autor. A seguir, a preestrea do filme Onte á noite conquistei Tebas de Gabriel Azorín, que encontra na natureza e na escuridade un espazo idóneo para a expresión sincera dos sentimentos. A conversa entre Cobas e Azorín afondará, como remate, nas singulares conexións entre dúas creacións absolutamente diferentes mais unidas por unha mesma celebración do acougo e a intimidade, do pracer de mirar e de escoitar.
Onde: Filmoteca de Galicia, rúa Durán Loriga, 10 baixo, 15003 A Coruña
Cando: martes 30 de xuño ás 19:00
Como: entrada de balde até completar a capacidade da sala.