
Que: Actividade formativa arredor da observación segura do Sol e das posibilidades educativas da eclipse solar do 12 de agosto de 2026. A eclipse solar de 2026 constitúe unha oportunidade singular para traballar contidos científicos de maneira contextualizada e motivadora: os movementos relativos da Terra, a Lúa e o Sol; a formación de sombras; a diferenza entre eclipse parcial e total; a observación indirecta; a medida do tempo; ou a relación entre ciencia, territorio e vida cotiá. Na contorna de Santiago de Compostela, próxima ao límite entre a zona de totalidade e a zona de parcialidade, será especialmente importante preparar con antelación a observación. En Galicia, a eclipse producirase cara ao solpor, co Sol baixo no horizonte, polo que será necesario escoller lugares seguros e con boa visibilidade cara ao oeste.
Durante a actividade presentaranse recursos para explicar a eclipse a diferentes idades, propostas para traballar antes, durante e despois do fenómeno e recomendacións fundamentais para unha observación solar segura. Insistirase en que nunca debe mirarse directamente ao Sol sen protección homologada e en que os métodos de proxección constitúen unha alternativa segura e adecuada para actividades educativas. A formación incluirá a montaxe dunha cámara estenopeica a partir dun modelo en cartolina. Este dispositivo permite comprender o principio da cámara escura e visualizar o Sol de maneira indirecta, evitando a observación directa. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, realizarase unha pequena experimentación no exterior para probar o dispositivo e comentar aspectos prácticos sobre orientación, estabilidade, calidade da proxección e elección do lugar de observación.
Cando: mércores 3 de xuño de 2026 ás 18:00 h
Onde: Sede de Nova Escola Galega, rúa Luís Freire, 5, baixo, Santiago de Compostela
Máis información: neg@neg.gal