-O panel expositivo poderá visitarse nos próximos días na Biblioteca Municipal de Durán Loriga e no local da A. C. Alexandre Bóveda.
O Día das Letras Galegas é unha data central para a cultura de noso e este ano a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío súmase á celebración coa presentación dun novo panel expositivo que expón algunhas pegadas do firmamento na literatura do país. Con formato de biombo fácil de transportar e de expoñer en calquera espacio, o panel, a toda cor e profusamente ilustrado con fotografías e ilustracións explicativas, explora a presenza dos obxectos celestes e a paisaxe nocturna na literatura en lingua galega para explicar cuestións astronómicas e falar da protección da noite a partir de textos particularmente notables. Entre os fitos máis destacados, a obra de Rosalía de Castro, ateigada de referencias á noite (e por iso dá hoxe nome a unha estrela); a poesía de Pondal (da mención á estrela Sirio aos versos iniciais do himno galego); a “Carta ás estrelas”, entre outros moitos textos, de Manuel María; ou a perda da paisaxe do ceo pola contaminación luminosa da que daba conta, xa hai cincuenta anos, Darío Xohán Cabana. A exposición sinala tamén exemplos singulares na prensa galega do século XIX, como o monográfico do “Seor Pedro” á volta do cometa Donati.
Ademais, na mañá do sábado 16 de maio Martin Pawley, coordinador dos grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade na Agrupación Ío, impartirá unha charla na biblioteca de Durán Loriga sobre os asuntos tratados na exposición. A conferencia terá lugar a partir das 12:30. Máis información, no sitio web da biblioteca.