O proxecto Amanar
Amanar xorde da iniciativa sen ánimo de lucro GalileoMobile co obxectivo de apoiar e inspirar á comunidade saharauí a través da astronomía, así como aprender e preservar a súa sabedoría sobre o ceo, ameazada nun contexto de 50 anos de exilio e refuxio na hamada (deserto árido) de Alxeria. Amanar está formado por un equipo internacional e multidisciplinar que abrangue ámbitos como a astronomía, a divulgación, a educación, a creación audiovisual e a investigación en historia e memoria oral do Sáhara Occidental.

Dende 2019 leváronse a cabo obradoiros e formación en astronomía para o alumnado e o profesorado de escolas e institutos de secundaria nos campos de refuxiados. Durante o verán realízanse, ademais, actividades en diferentes cidades coas crianzas que veñen a España cada ano no marco do programa “Vacacións en Paz”, en colaboración con numerosas asociacións, agrupacións astronómicas, institucións públicas e institutos de investigación. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío colabora co proxecto Amanar a través do seu grupo de traballo “Diversidade”.
A causa do estilo de vida nómade, a transmisión do coñecemento e a historia no Sáhara Occidental foi principalmente oral, a través da poesía, as lendas ou a música. É por iso que escoitar e aprender de quen viviron e coñeceron profundamente o deserto é urxente e necesario para manter viva esa memoria nas futuras xeracións. Dende 2020 o equipo foi crecendo coa participación activa de persoas e institucións locais da comunidade saharauí, coma o Museo Nacional do Pobo Saharauí ou o Ministerio de Cultura da República Árabe Saharauí Democrática. Isto favoreceu o avance dun traballo etnoastronómico no que se realizaron xa máis de vinte entrevistas a persoas que coñecen ben o deserto e o seu firmamento.
→ Boa parte do coñecemento recollido sobre o ceo no Sáhara Occidental está compilado no
documental Refúgio nas estrelas (Felipe Carrelli e Demetrio Rodrigues, 2023) así como na experiencia de realidade virtual Estrelas do deserto (Felipe Carrelli, 2020).
→ O proxecto AMANAR conta co apoio da Unión Astronómica Internacional, a través da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) e a Oficina para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO), a Europlanet Society e Asociación Canaria de Amistad con el Pueblo Saharaui (ACAPS). As actividades de verán contan, ademais, coa colaboración de asociacións, institutos de investigación e centros de divulgación de diferentes puntos do estado español.
A cultura do ceo no Sáhara
No deserto é moi importante coñecer o ceo e os seus cambios ao longo do día e do ano. A astronomía é unha ferramenta imprescindíbel para establecer referencias espaciais para podérmonos desprazar e referencias temporais para elaborarmos calendarios, que son fundamentais para a organización dunha sociedade e determinar os momentos axeitados para realizar actividades cotiás, sexan relixiosas, políticas ou as necesarias para a subsistencia, como a xestión da auga.
O Islam é a relixión maioritaria no Sáhara Occidental e nela a astronomía tamén é necesaria para determinar as horas do rezo ao longo do día, a dirección onde está A Meca ou o inicio dos meses do calendario musulmán, de base lunar, e en especial o Ramadán, no que é obrigatorio o xaxún entre o amencer e o solpor.
Un calendario moi coñecido e empregado no Sáhara é o que se basea na visibilidade ou invisibilidade dunha serie de 28 estrelas ou asterismos. En particular, obsérvase o primeiro día en que cada estrela ou grupo de estrelas da listaxe de 28 comeza a ser visíbel xusto antes do amencer, o chamado “orto helíaco”. O momento en que empeza a verse cada estrela ou conxunto de estrelas indica o inicio dun novo mes que dura 13 días, até o orto helíaco da seguinte estrela. Cada un deses meses está asociado a unhas características meteorolóxicas particulares. O ano divídese en catro estacións, que veñen marcadas principalmente pola presenza ou ausencia de chuvias.

الثريا / Thurayya
A Thurayya é un dos asterismos máis coñecidos no Sáhara e correspóndese co cúmulo aberto M45, as “Pléiades”, tamén coñecido en Galicia como “a galiña cos pitos”, na constelación do Touro. A sabedoría
popular di que cando se ve por primeira vez a Thurayya sobre o horizonte leste antes da saída do Sol comeza a calor, mais cando se ve a Thurayya sobre o leste ao solpor empeza o frío e xa que logo “dálle ao teu fillo unha manta”.

Lendas no ceo
O Camiño da Palla
Unha das lendas máis populares sobre a Vía Láctea é a do “ladrón da palla”, que narra como un ladrón foi deixando caer a palla que roubara e con ela se creou un camiño no ceo. Outra versión conta que a Vía Láctea é o camiño que o profeta Mahoma seguiu na súa viaxe da Meca a Xerusalén ao lombo do seu cabalo Buraq.
المشبوح / Al-Mashbouh
A tradición popular asegura que Al-Mashbouh é o desgrazado que matou o dromedario do Profeta Saleh, polo que Alá o castigou crucificándoo no ceo na rexión que a IAU denomina oficialmente Orión.

O Sáhara Occidental

O Sáhara Occidental ten unha superficie de 266000 quilómetros cadrados, unha cifra que multiplica por nove a superficie de Galicia. Posúe recursos naturais moi valiosos: máis de mil quilómetros de costa de enorme riqueza pesqueira, grandes reservas de fosfatos, un enorme potencial de aproveitamento de enerxías renovábeis…
Dende 1963 é recoñecido pola ONU como “territorio non autónomo”, expresión que a Carta das Nacións
Unidas emprega para designar os “territorios cuxos pobos non alcanzaron aínda a plenitude dun goberno propio”.
O pobo saharauí
O pobo autóctono do Sáhara Occidental é o saharauí, que etimoloxicamente significa “habitantes do deserto”, un grupo étnico de ascendencia bérber, cuxa presenza no Maghreb remóntase a hai polo menos doce mil anos e está documentada a través da arte rupestre, e árabe, após a chegada do Islam a partir do século VIII da nosa era. Durante séculos a saharauí foi unha sociedade nómade organizada socialmente a través de clans e tribos.
Os campos de refuxiados
Dende o inicio da guerra miles de saharauís tiveron que fuxir da súa terra e foron acollidos polo goberno de Alxeria na rexión de Tinduf, no suroeste do país. Toda esta poboación distribúese en cinco campamentos ou wilayas que levan os nomes de cidades ocupadas do Sáhara Occidental: El Aaiun, Auserd, Smara, Bojador e Dajla. Cada wilaya divídese á súa vez en dairas (distritos) e barrios. A xestión dos campamentos corre a cargo da RASD. A capital administrativa é Rabouni.
No lugar onde se asentan as wilayas as condicións de vida son extremas, con temperaturas altísimas no verán e frío no inverno e unha ausencia case absoluta de recursos naturais. Para satisfacer as necesidades básicas da poboación é imprescindíbel a cooperación internacional. É nesas condicións que o pobo saharauí leva resistindo cinco décadas.
Nos campamentos a escolarización é obrigatoria e gratuíta para toda a rapazada até os 16 anos. Hai, ademais, centros de formación profesional e de educación especial. A RASD estableceu convenios con diversos países que permiten a parte do alumnado estudar o bacharelato e mesmo facer estudos universitarios no estranxeiro.
A lingua
O árabe hassanía é a variante do árabe que emprega o pobo saharauí, mais é tamén de amplo uso en Mauritania e mesmo ten carácter oficial en Malí, de xeito que en conxunto conta con varios millóns de falantes.

A poesía
A poesía no Sáhara conecta a memoria coa vida no deserto a través das xeracións. É unha poesía oral, que se mantén viva ao ser recitada, escoitada e transmitida. Nos textos subxacen os temas relacionados co deserto, os rituais, as viaxes na busca de auga e pastos, o amor, a guerra ou mesmo as fronteiras, dende a época colonial até o presente, como testemuña da sabedoría e a historia dun pobo que loita por manter o seu patrimonio, a súa identidade e a súa liberdade.
Datas clave na historia do Sáhara Occidental
1884. Como resultado da Conferencia de Berlín, o Reino de España coloniza Guinea Ecuatorial e o Sáhara Occidental, que pasa a ser oficialmente denominado “Posesiones Españolas del Sáhara Occidental”.
→ En 1884 os imperios europeos reuníronse na Conferencia de Berlín co obxectivo de acordar entre eles a repartición de África. A conquista violenta do continente por parte das distintas potencias europeas arrasou con estados que acadaran un notábel desenvolvemento cultural, coma os reinos de Benín e Dahomey. A colonización de África é un dos máis abxectos episodios da historia da humanidade, con fitos de extrema brutalidade coma o dominio do Congo por parte do rei Leopoldo II de Bélxica, que supuxo a morte de varios millóns de persoas.
1958. A ditadura franquista outórgalle a nacionalidade española aos habitantes da rexión, que se converte a todos os efectos nunha provincia máis do estado español.
1965. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas adopta en decembro unha primeira resolución sobre o Sáhara Occidental para exixir a España a descolonización do territorio e, un ano despois, a organización, baixo supervisión da ONU, dun referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental, reclamación que se vai repetindo até 1973.
1973. O 10 de maio nace en Zouerate (Mauritania) a Fronte Polisario, forma abreviada do nome en español “Frente Popular de Liberación de Saguia Al Hamra y Río de Oro”, que ten como propósito a obtención da independencia e inicia unhas semanas despois as primeiras accións militares.
1974. O censo español, requisito fundamental para un futuro referendo, fixa a poboación do Sáhara Occidental en 73.497 habitantes.
1975. En novembro, nos estertores do franquismo, Marrocos organiza a “Marcha Verde”, pola cal máis de 350 mil persoas do país se adentran no territorio saharauí. Pouco despois comezan os enfrontamentos entre a Fronte Polisario e o exército marroquí.
1976. A Fronte Polisario proclama en febreiro a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e anuncia a loita armada en favor do seu dereito de autodeterminación. Comeza unha longa guerra contra Marrocos e Mauritania.
1979. Mauritania asina un tratado de paz coa RASD polo que renuncia ás súas reclamacións sobre o Sáhara e recoñece os dereitos do pobo saharauí.
1991. Asínase un cesar fogo supervisado pola MINURSO, Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental, co compromiso de que habería un referendo de autodeterminación. Durante varios anos sucédense as conversas e propóñense diversos plans, mais a negativa marroquí a aceptar un referendo xusto impide o acordo.
2020. Rómpese o cesar fogo e reinícianse os enfrontamentos armados.
O muro
Durante a ocupación do Sáhara, Marrocos construíu unha serie de muros, rodeados por campos de minas, que se estenden ao longo de 2700 km. A Fronte Polisario controla o territorio ao leste do muro, onde a poboación, escasa e illada, mantén un estilo de vida nómade e se dedica ao pastoreo de gando.
A pesar do traballo de desactivación acometido polo Servizo de Acción Contra as Minas das Nacións Unidas (UNMAS), “os dous lados da berma que divide o Sáhara Occidental seguen significativamente contaminados con minas terrestres e restos explosivos de guerra”.
O Sáhara non se vende!
A cineasta libanesa Jocelyne Saab (1948-2019) realizou nos anos 70 e 80 moitos excelentes documentais sobre os conflitos no mundo árabe e Oriente Medio. En 1977 estreou Le Sahara n’est pas à vendre, que retrata o inicio da guerra no Sáhara Occidental. Após o falecemento da directora, a Association Jocelyne Saab encárgase de protexer, restaurar e poñer en valor o seu legado artístico.
* * *
Contidos da exposición “Sáhara Occidental, non des a esquecemento / A cultura do ceo no Sáhara”. Textos: Martin Pawley, Andrea Rodríguez Antón e Jorge Rivero. Tradución galego-hassania: Baba Mohamed Lamin Ali (Comunidade Saharauí en Galicia). Deseño gráfico: Marta Cortacans. O panel mide 1,70 m de altura e 1,50 de largo e está ao dispór dos centros educativos, bibliotecas, casas de cultura, centros de ciencia, entidades sen ánimo de lucro etc que o desexen expoñer. Se queres que visite o teu centro, contacta connosco no enderezo electrónico diversidade@agrupacionio.com.
