– Celebrarase o venres 6 de setembro ás 20:00 no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, como conferencia extraordinaria do II Encontro da Noite, que conta co apoio do Concello da Coruña.

– A entrada é gratuíta por medio de convites que se repartirán na Casa das Ciencias media hora antes do comezo da actividade.

O profesor e investigador italiano Fabio Falchi, do ISTIL – Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento Luminoso, é un dos maiores expertos mundiais en contaminación luminosa. Fabio é o principal responsábel científico, con Pierantonio Cinzano, do “Novo atlas mundial do brillo do ceo”, cuxa segunda edición se publicou en 2016 e que é a principal ferramenta para a avaliación da calidade do ceo en todo o planeta.

Co título “O bo, o feo e o malo. Contaminación Luminosa en Europa e os Estados Unidos”, o relator analizará cales son os mellores e os peores territorios para a observación do ceo, de acordo coas súas investigacións máis recentes, e exporá os perigos asociados á contaminación luminosa. A conferencia será impartida en italiano e terá lugar no planetario da Casa das Ciencias da Coruña o vindeiro venres 6 de setembro ás 20:00. Media hora antes, ás 19:30, comezará a repartición gratuíta dos convites para o acceso á sala, por orde de chegada e até completar a capacidade do recinto. A actividade é unha conferencia extraordinaria que serve de preámbulo ao II Encontro da Noite, que organizará a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío este outono co apoio do Concello da Coruña.

Fabio Falchi estudou Ciencias Físicas na Universidade de Milán (Italia) e é profesor do Istituto statale di istruzione superiore Galileo Galilei en Ostiglia. Foi un dos autores do primeiro “Atlas mundial do brillo do ceo” en 2001 e liderou o grupo de investigación que permitiu a segunda edición en 2016. Este segundo “Novo atlas mundial” foi publicado na revista Science Advances da American Association for the Advancement of Science e acadou perto de tres millóns de consultas científicas. Ademais, foi tratado en máis de 450 pezas informativas en diferentes medios de comunicación. Fabio Falchi foi tamén consultor e asesor do goberno italiano en materia de iluminación pública, do Instituto de Astrofisica de Canarias e da Oficina de Protección da Calidade do Ceo do Norte de Chile. É Presidente de CieloBuio, organización italiana para a protección do ceo nocturno.