MinaFleming
Fonte da imaxe: Universidade de Harvard.

Williamina Paton Stevens, por todos chamada Mina, naceu en Dundee, Escocia, o 15 de maio de 1857. Revelouse coma unha nena intelixente na escola e xa con 14 anos púxose do outro lado na aula: ao tempo que seguía aprendendo empezou a dar clases nas escolas públicas da vila para así axudar coas necesidades dunha casa con nove fillos. En maio de 1877 casou cun home viúvo, James Fleming, e ao cabo dun ano, en decembro de 1878, os dous marcharon a Boston, Massachussetts, para emprender novos camiños. Uns meses despois ela queda embarazada e foi niso que a súa vida deu un primeiro xiro inesperado: o seu home, James, abandonouna e Mina quedou soa, cun fillo por vir e a miles de quilómetros do seu país natal. De mestra precoz en Escocia a inmigrante e nai solteira na costa leste dos Estados Unidos, sen diñeiro nin lugar onde vivir.

Mina atopou traballo coma asistenta nunha casa singular, a do profesor Edward Charles Pickering, director do observatorio astronómico da Universidade de Harvard. A lenda asegura que un bo día o profesor Pickering estaba tan descontento cos seus axudantes homes que dixo en público que a súa asistenta escocesa faría mellor o seu traballo. É unha lenda simpática, mais está claro que a decisión de Pickering non foi en realidade tan caprichosa. Sabía da súa formación coma mestra e contratouna para facer traballos “de despacho”, manter arquivos, ordenar e copiar a información e facer cálculos matemáticos. Pasou en poucos meses de levar a casa do señor Pickering a exercer coma astrónoma profesional. No outono do mesmo 1879 volveu a Escocia para dar a luz ao seu fillo e despois regresou a Harvard, onde en 1881 obtería un posto permanente no equipo do observatorio.

A astronomía -a ciencia en xeral- na segunda metade do XIX xa non é un labor solitario de xenios pegados ao ocular, senón que necesita moitos ollos e mans para acadar certa sistematización, mais aínda nun momento no que a fotografía se converte nunha ferramenta común e a investigación depende da análise exhaustiva de miles e miles de placas. Unha das achegas de Williamina foi a de desenvolver un sistema de clasificación dos tipos de estrelas mediante letras en función da cantidade de hidróxeno detectado nelas co estudo do seu espectro luminoso. Así clasificou e catalogou máis de dez mil estrelas en nove anos para o “Catálogo Henry Draper”, impulsado e financiado por Anne Draper para honrar a figura do seu defunto esposo (o Henry do título), doutor e astrónomo afeccionado que promovera o uso da fotografía para a observación astronómica.

Nebulosas da Chama (NGC2024) e da Cabeza de Cabalo. Autor: Alfredo Madrigal
Nebulosas da Chama (NGC2024) e da Cabeza de Cabalo. Autor: Alfredo Madrigal

Máis alá da catalogación de estrelas, Mina descubriu ao longo da súa carreira 10 novas (estrelas que ao final do seu ciclo “explotan” producindo un súbito aumento de brillo), cincuenta e tantas nebulosas -unha delas, en 1888, é un dos obxectos máis fermosos do ceo profundo, a Nebulosa da Cabeza de Cabalo– e máis de 300 estrelas variábeis. Foi tamén a editora das publicacións e informes do observatorio e estivo ao mando das mulleres novas contratadas para escrutar as placas fotográficas e facer cálculos e clasificacións, as míticas “computadoras” ou “calculadoras” de Harvard, tamén coñecidas coma o “harén de Pickering”. As mulleres cobraban un salario moito menor e iso era unha vantaxe para o observatorio, que podía multiplicar a man de obra polo mesmo diñeiro; mais tamén hai que recoñecer que o profesor Pickering lles recoñeceu un papel impensábel nesa altura en moitos outros lugares do planeta e as animaba a publicar artigos e medrar profesionalmente, como foi o caso da propia Mina, que a fin de contas non tiña unha formación astronómica regrada.

MinaFlemingJournalOs diarios de Mina dan conta, porén, da súa claridade de ideas respecto da inxusta brecha salarial entre homes e mulleres. Así, o 12 de marzo de 1900 escribe estas liñas memorábeis:

Tiven unha conversa co Director a conta dos salarios das mulleres. El parece pensar que ningún traballo é demasiado ou difícil para min, non importa cal sexa a responsabilidade ou cantas as horas de dedicación. Mais en canto saco o tema do salario, inmediatamente se me di que eu recibo un pagamento excelente para o que é común entre as mulleres.

Se el dese apenas un paso para averiguar como está de equivocado en relación con este tema aprendería unhas cantas cousas que lle abrirían os ollos e o deixarían pensando. Ás veces síntome tentada a deixalo e que probe con algunha outra, ou que algúns dos homes fagan o meu traballo, para que descubra por el mesmo o que está conseguindo de min por 1500 dólares ao ano, comparado cos 2500 que cobran outros asistentes.

Pensará el algunha vez que eu teño unha casa e unha familia que sacar adiante, igual que calquera home? Mais supoño que unha muller non ten dereito a tales comodidades. E esta é considerada unha era progresista! …Síntome ao bordo de virme abaixo.

A Williamina Fleming acaboulle chegando un mínimo recoñecemento público. En 1899 foi designada responsábel -”curator”- das fotografías astronómicas e logo, en 1906, foi ordenada membro honoraria da Royal Astronomical Society de Londres. Non por iso deixou de traballar, claro. En 1910 deu coñecemento doutro gran achado, as “ananas brancas”, estrelas no final das súas vidas despois de case esgotar o hidróxeno (o “combustíbel” para as reaccións nucleares), perder as capas externas e ficar comprimidas nun espazo reducido extremadamente denso (coma o Sol comprimido no volume da Terra).

Morreu de pneumonía en Boston o 21 de maio de 1911. Moito antes, nun momento crucial da súa vida, Mina foi unha inmigrante e nai desamparada que aproveitou de maneira extraordinaria unha inesperada oportunidade. Cantas Williaminas estarán agora mesmo cruzando o Mediterráneo, petando na porta dunha Europa con frecuencia demasiado xorda?