En colaboración co Concello de Guitiriz, este verán desenvolvemos diversas actividades de divulgación astronómica na vila, todas elas abertas e de balde. Velaí vai a axenda!

Exposición | Contaminación luminosa: depende de nós

Do 7 ao 31 de xullo na Casa Habanera

Tres paneis de gran formato que exploran en seis bloques temáticos distintos aspectos relacionados coa contaminación luminosa, como o impacto medioambiental, os efectos da luz artificial na noite sobre a saúde, a perda cultural ou a dilapidación de enerxía e diñeiro. Ademais, expón solucións fáciles ao alcance de calquera persoa e calquera concello para minimizar a pegada da luz artificial na noite.

Charla-coloquio | A desaparición da noite

Sábado 22 de xullo ás 19:30 na Casa Habanera

A contaminación luminosa está borrando a noite das nosas vidas e con iso perdemos o inmenso patrimonio cultural e científico que nace da observación do ceo. A contaminación luminosa ten, tamén, efectos negativos sobre a natureza e a saúde humana e supón estragar cada ano centos de millóns de euros en luz innecesaria. Nesta charla-coloquio abordaremos estes temas e propoñeremos solucións sinxelas para reducir este grave problema do noso tempo.

Observación astronómica | O ceo é para tod@s

Sábado 22 de xullo ás 23:00 na praza da Igrexa Nova, xunto ao reloxo analemático

Observación urbana con telescopio na que poderemos ver algúns dos obxectos máis salientables do ceo deste verán, en especial os planetas Xúpiter e Saturno.

Camiñada nocturna | Segunda andaina sensitiva na Ruta da Pedra de Díaz Castro

Venres 11 de agosto a partir das 22:30 no Vilariño

Antes de que saia a Lúa, desenvolveremos unha observación astronómica no Vilariño, punto de saída da camiñada, para ver con telescopio e baixo un ceo escuro algúns obxectos destacados do ceo do verán. Ben pasada a medianoite emprenderemos unha camiñada nocturna á luz da Lúa pola Ruta da Pedra de Díaz Castro, moi perto ademais do máximo da chuvia de estrelas das Perseidas.

Verán astronómico