casa_exteriorO 1 de xuño de 1985 abriu as portas a Casa das Ciencias. O seu trixésimo cumpreanos ben merece unha festa e por iso a próxima fin de semana están programadas diversas actividades abertas a toda a cidadanía. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío participa na celebración do aniversario colaborando na observación astronómica que terá lugar no Parque de Santa Margarita o sábado 30 de maio a partir das 22 horas. Unha convocatoria pública para gozar das marabillas do ceo escuro a través dos telescopios de astrónomos afeccionados de toda Galicia, nunha reunión que agardamos multitudinaria.

Ademais, o domingo 31 de maio a Casa das Ciencias celebra unha xornada de portas abertas, de 10 a 19 horas. O planetario presenta unha programación especial que permitirá ver ao longo do día seis programas diferentes, que detallamos a continuación:

11.00 Bacteria Mutante (GAL)
12.00 Deep Sky (CAST)
13.00 La niña que sabía caminar al revés (CAST)
16.00 Noche estrellada en el museo (CAST)
17.00 A noite do vampiro (GAL)
18.00 Unha noite de primavera (GAL)

A retirada de convites (máximo 2 convites por persoa) comezará media hora antes de cada sesión. Para rematar o día, a partir das 19 horas no exterior da Casa das Ciencias haberá unha actuación do mago Kiko Pastur, que presentará efectos de maxia e xogos utilizando algúns dos elementos máis célebres do museo, coma imáns, péndulos, ovos ou poliños. Un espectáculo participativo ideado para fomentar a diversión e a capacidade de asombro do público, e tamén para celebrar os 30 anos de historia deste máxico lugar.