Quen somos?

A Agrupación Astronomía Coruñesa Ío nace en 2002 para fomentar a afición, o estudo, a investigación e a divulgación da astronomía e as diversas ciencias afíns, así como a colaboración para divulgar e evitar a contaminación luminosa. Hoxe temos preto de 200 persoas asociadas, o que nos permite afrontar novos proxectos cada vez máis complexos e interesantes.

En 2020 recibimos unha mención de honor nos Premios Prismas Casa das Ciencias á divulgación na categoría “Proxecto singular” pola nosa campaña en favor da estrela Rosalíadecastro.

En 2021 recibimos o Premio Rosalía de Castro de lingua da Deputación da Coruña na categoría de entidades “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma”.

En 2023 recibimos o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas. O xurado salientou o labor de divulgación relacionado coa astronomía, así como o traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro. Tamén quixo destacar “o labor de visibilizar as científicas galegas, así como a súa defensa da noite fronte á contaminación luminosa”.

Se queres facerte socia ou socio, podes consultar a sección Asóciate! do noso sitio web. Tamén podes poñerte en contacto con nós a través deste formulario.