FullMoonNa madrugada do luns 28 de setembro (na noite do domingo ao luns, para evitar confusións) terá lugar unha eclipse total de Lúa visíbel en España. A Agrupación Ío guiará unha observación pública do fenómeno no Parque de Eirís da Coruña, na zona do paseo próxima aos restos arqueolóxicos do mal chamado “castelo”, a partir das 2 da mañá e até que conclúa a eclipse. A asistencia a esta actividade é por suposto libre e de balde.

Eclipse de Lúa

Unha eclipse de Lúa é o escurecemento, máis ca ocultación, do noso satélite pola sombra da Terra, que se interpón na chegada directa da luz solar. Para iso é preciso que os tres corpos estean en liña, coa Terra entre o Sol e a Lúa, xeometría característica de cada Lúa Chea. Mais a órbita da Lúa arredor da Terra está lixeiramente inclinada -uns 5º- respecto do plano de xiro da Terra arredor do Sol e esa pequena diferenza é suficiente para que as máis das veces a sombra da Terra non pase sobre a Lúa. O perfecto aliñamento dos tres corpos que permite as eclipses dáse só nos “nodos”, puntos de corte da órbita da Lúa coa eclíptica (o camiño aparente do Sol respecto do firmamento de fondo).

Superlúa…?

A órbita da Lúa arredor da Terra non debuxa un círculo, senón unha elipse, e en consecuencia a distancia entre os dous corpos varía entre un valor mínimo no punto de máximo achegamento (o perixeo), a uns 360 mil quilómetros, e un valor máximo no de máximo afastamento (o apoxeo), a algo máis de 400 mil quilómetros. Fálase de “superlúas” cando a Lúa Chea cadra arredor do perixeo. A atracción gravitatoria é un pouco maior e déixase notar nas mareas (as “mareas vivas”), mais non produce efectos doutro tipo (e dende logo non é causa de calamidades de ningunha clase).

Grazas a esa maior proximidade, vemos a Lúa “máis grande”? Si e non. Entre o apoxeo e o perixeo o diámetro do disco lunar aumenta até un 14%, mais iso equivale só a 4 minutos angulares. Cando estendemos o brazo o dedo maimiño cobre 1º (60 minutos angulares), que xa é o dobre do que ocupa unha Lúa Chea típica. A diferenza de tamaño nunha “superlúa” é pois unha quinceava parte do grosor do dedo pequeno co brazo estendido, demasiado pouco como para distinguilo con claridade a simple vista. Se facemos fotografías en condicións equivalentes de Lúas Cheas no perixeo e no apoxeo si poderemos apreciar ben esa variación.

…de sangue?

A cor laranxa ou vermella é característica das eclipses de Lúa. A Lúa entra na zona de sombra que provoca a Terra mais “non desaparece do ceo”, senón que seguimos véndoa tinguida dese ton debido á luz que dispersa a atmosfera terrestre. Deixa de estar iluminada polo Sol para estar iluminada de forma feble e indirecta pola Terra.

Que ninguén espere acontecementos estraños no resto do ceo. Se o vemos alaranxado esa ou calquera outra noite será máis ben por causa dun problema infelizmente común, a contaminación luminosa que nos rouba a necesaria escuridade.

A eclipse de Lúa do 28 de setembro

Na eclipse do vindeiro luns empezaremos a apreciar o escurecemento da Lúa a partir das 2:12am, cando o satélite entra na zona de penumbra, da que sairá ás 7:22. O momento central da eclipse, o máis interesante, é cando a Lúa entra na zona de sombra, entre as 3:07am e as 6:27am, coa fase de totalidade marcada entre as 4:11 e as 5:23. A previsión meteorolóxica anuncia ceos despexados.