Nota de prensa programa de actividades “A nosa Estrela”


Agrupación Astronómica Coruñesa Ío

www.agrupacionio.com / formacion@agrupacionio.com

Persoa de contacto: Paula Neira (676513394)

Data: 10/08/2017

 

Nota de prensa

O programa de actividades “A nosa Estrela” achegará o coñecemento do Sol aos barrios da cidade

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío desenvolverá unha serie de accións divulgativas sobre o Sol. As actividades realizaranse durante agosto e principios de setembro en distintos puntos da cidade e están dirixidas a toda a familia.

Desde o 14 de agosto ata o 9 de setembro, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío levará a cabo unha serie de actividades de carácter sociocultural e científico que ten como obxectivo dar a coñecer o Sol entre os veciños da Coruña. “A nosa Estrela” é un proxecto enmarcado dentro do Plan de acción “Cultura de Barrio” desenvolvido desde a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña e o IMCE co fin de descentralizar a actividade cultural da nosa cidade e achegala aos barrios.

O programa de “A nosa Estrela”, que se inaugurará cunha conferencia, consta de distintas xornadas nas que os membros da Agrupación visitarán varios barrios da cidade para guiar os participantes na observación astronómica solar segura mediante un telescopio solar. As observacións estarán acompañadas dunha exposición itinerante que complementará a acción divulgativa. Ademais, o día 21 de agosto terá lugar unha eclipse parcial de Sol do 12% que coincide co ocaso. Para gozar deste espectáculo con seguridade, a Agrupación proporcionará preto da Torre de Hércules distintos recursos para observar a eclipse. Clausurarase o proxecto mediante un encontro de asociacións galegas de Astronomía.

O 14 de agosto, a investigadora especializada en exoplanetas, Zaira Modroño impartirá unha conferencia acerca de “Os mundos doutras estrelas” ás 19:15 horas na Casa das Ciencias. Explicará como é Próxima Centauri B, o exoplaneta máis próximo á Terra. “A nosa Estrela” estará presente nos barrios participando nas súas festas co obxectivo de asociar a Ciencia e lecer. O día 15 de agosto de 17:00 a 19:00h o toldo da Agrupación Ío atoparase no parque Europa completando o programa de actividades das festas de Oza-Gaiteira- Os Castros. O día 18, de 11:00 a 13:00h, estará na praza Pablo Iglesias nas do Castrillón; o 22 de 17:00 a 19:00h no parque de Eirís e o día 26 de 18:00 a 20:00h en Novo Mesoiro. Por último, “A nosa Estrela” conclúe o 9 de setembro cun encontro de Asociacións galegas de Astronomía na que se celebrará unha “plantada” de telescopios solares.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío constitúese en 2002 como resposta á inquietude dun grupo de afeccionados á Astronomía co dobre obxectivo de gozar do ceo estrelado e contaxiar esa paixón a outras persoas. Nestes quince anos creceu paulatinamente e no últimos tres duplicou a cifra de persoas asociadas. Na actualidade, está formada por 150 socias e socios, 20 satélites (socios/as infantís de 0 a 13 anos) e 3 entidades colaboradoras. É a asociación con maior número de membros de Galicia e a sétima de España.

bandaCorta30x50BlancaLarga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com