Fonte da imaxe: Loss of the Night Network (LoNNe)
Fonte da imaxe: Loss of the Night Network (LoNNe)

Iluminación de Nadal, iluminación de rúa e pantallas publicitarias: en decembro en especial prendemos de luz as horas de escuridade. É un feito coñecido que esta iluminación non só crea unha atmosfera para esta época, senón que tamén ten consecuencias negativas no ser humano e a natureza. Un equipo de investigación internacional que leva catro anos traballando de forma conxunta na rede “Loss of the Night” (LoNNe) vén de publicar por primeira vez recomendacións prácticas para a iluminación de exterior. Estas recomendacións pretenden contribuír a un uso sustentábel da luz nas nosas cidades para beneficio dos seres humanos e do medio ambiente.

“A luz ten efecto nas plantas e animais, mais tamén en nós, os seres humanos”, di a coordinadora da rede Sibylle Schroer. Incluso pequenas cantidades de luz artificial no momento inadecuado poden afectar o noso reloxo interno, a produción de hormonas e mesmo interferir con ecosistemas completos. As relacións predador-presa sofren perturbacións e as especies nocturnas perden cada vez máis os seus hábitats. “A longo prazo, isto pode afectar á biodiversidade”, explica o equipo de investigación.

Porén, tendemos a iluminar as nosas cidades de forma intensiva e, segundo observan os científicos dende hai varios anos, a luz pola noite está a aumentar de maneira preocupante a escala global en vez de diminuír.

Un xeito de mellorar esta situación é o que se expón en catro recomendacións prácticas e liñas de acción que a rede acaba de publicar:

1) Evitar, sempre que sexa posíbel, a luz branca con longuras de onda por debaixo dos 500 nanómetros. A tendencia actual de uso de luz branca fría en forma de LEDs e lámpadas de baixo consumo é discutida de forma crítica polos investigadores. A proporción elevada de luz azul de longura de onda curta perturba os ritmos circadianos dos vertebrados superiores e dos seres humanos. Os desvíos crónicos do ritmo circadiano interfiren co sono, o metabolismo e o sistema inmune, orixinando problemas de saúde graves. Entre as consecuencias disto están a supresión do catabolismo das graxas, a diabetes ou a depresión. A recomendación dos investigadores é que a temperatura de cor en iluminación exterior sexa, como máximo, de 3000K.

2) Usar lámpadas apantalladas que dirixan a luz onde é necesaria. Unha luminaria cun deseño axeitado evita que a fonte de luz sexa vista de forma directa. Unha iluminación dirixida de forma correcta non chega aos ollos dos peóns, non entra polas xanelas e non ilumina o ceo, onde se espalla rapidamente alumando toda a paisaxe. A luz, incluíndo a das fachadas e monumentos, debe ser orientada sempre cara abaixo. Deben evitarse, por exemplo, os focos inseridos no chan que apunta ao ceo.

3) Iluminar as rúas coa intensidade máis baixa posíbel. As estradas rurais só deberían estar iluminadas se é absolutamente necesario. Onde sexa preciso, unha luminancia media de 0,3 candelas por metro cadrado son suficientes, o que equivale a unha iluminancia de 4 lux. Isto concorda co nivel máis baixo nos parámetros da UE para a iluminación exterior (EN13201). “Os parámetros da UE recomendan con frecuencia valores moito máis elevados dos que se empregan na maioría dos concellos europeos”, explican os investigadores. Cumprir cos parámetros de iluminación exterior en toda Europa podería, en consecuencia, provocar un aumento drástico do consumo de enerxía e emisión de CO2. Os investigadores explican que uns valores máis baixos non afectan á seguridade e reclaman unha revisión e redución deses valores.

4) Adaptar a iluminación exterior a cada momento da noite. Despois das 22h ou despois da medianoite é necesaria moita menos luz artificial e a iluminación das rúas, consecuentemente, pode diminuír. É posíbel unha redución dos niveis de iluminación do 50% ao 80%. “As luces privadas deben tamén apagarse se non hai necesidade delas”, recomendan os científicos da rede.

Todas estas recomendacións están agora disponíbeis en folletos ilustrados, quer para o público (PDF, 919 KB), quer para as áreas naturais protexidas (PDF, 799 KB).

As recomendacións son o resultado dunha cooperación interdisciplinar de catro anos da rede LoNNe (Loss of the Night Network), formada por 67 membros activos de 18 países e de 16 disciplinas científicas diferentes. A rede é apoiada pola European Cooperation for Science and Technology (EU-COST Action ES1204, 2012-2016) e continuará activa como equipo externo do programa da Plataforma Colectiva de Concienciación para a Innovación Sustentábel e Social STARS4ALL, da Unión Europea.

Versión galega do comunicado de prensa da rede Loss of the Night, adaptado do texto traducido ao portugués por Raúl C. Lima, da Escola Superior de Saúde do Politécnico do Porto (obrigado, Raúl!).