-Será o venres 6 de decembro ás 19:30 no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña. O acceso será gratuíto mediante convites individuais que se repartirán media hora antes por orde rigorosa de chegada.

A conferencia que impartirá na Coruña a astrofísica Isabel Rebollido leva por título “De pedras a 4000 planetas (e pedras outras vez)”. Grazas aos avances en instrumentación e as novas técnicas de busca, en menos de trinta anos pasamos de coñecer os oito planetas que compoñen o noso sistema solar a ter evidencias de máis de 4000 arredor doutras estrelas da nosa galaxia. Estes planetas recentemente descubertos, en boa medida polas misións espaciais, amosan que hai unha grande diversidade nos tamaños, densidades e órbitas, moito maior que a esperada. Porén, as condicións para que apareza vida poden ser tamén moi distintas ás que temos na Terra. Para poder comprender en que tipos de sistemas planetarios é máis probable atopar organismos vivos, é fundamental o estudo dos procesos de formación planetaria e a contorna dos planetas, incluíndo as últimas etapas da vida das estrelas, que nos poden axudar a predicir o destino da Terra e os outros planetas do sistema solar.

A investigadora Isabel Rebollido estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela e fixo logo un máster en astrofísica na Universidade da Laguna, en colaboración co Instituto de Astrofísica de Canarias. Obtivo unha bolsa para facer prácticas de investigación no centro de Madrid da Axencia Espacial Europea. Vén de rematar a súa tese de doutoramento, centrada no estudio da contorna das estrelas masivas e a presenza de exocometas.

O ciclo de conferencias “Coruña científica” conta co apoio da Concellaría de Educación, Cultura e Memoria Histórica do Concello da Coruña.