O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía en conmemoración do aniversario do nacemento da nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro, que desde decembro de 2019 dá nome a unha estrela na constelación do Serpentario. Con este motivo, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío distribúe dous mil mapas do firmamento que podemos ver en Galicia nos que se explica, ademais, como ver con prismáticos a estrela Rosalíadecastro. Contamos coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que nos axudou na produción dos mapas, e da asociación de librarías da Coruña LIBAC, a través das cales os repartiremos. As persoas que visiten calquera das 13 librarías asociadas no Día de Rosalía poderán levar de agasallo o noso mapa, unha boa maneira de iniciarse no coñecemento do ceo.

As librarías que forman parte da asociación LIBAC son: Librería Cascanueces (Rúa do Orzán, 14), El Faro de los Tres Mundos (Rúa Rosalía de Castro, 15), Librería Xiada (Avenida de Fisterra, 76), Librería Azeta (Praza José González, 1), Librería Couceiro (Ronda de Outeiro, 132), A Carapuchiña Feroz (Rúa Fanny Garrido, 12), Librería Moito Conto (Rúa San Andrés, 35), Librería Lume (Fernando Macías, 3), Librería Formatos (Avenida Fernández Latorre, 5), Berbiriana (Rúa Cordelería, 30), Santos Ochoa (Rúa Teresa Herrera, 3), Metropolis Comics (Rúa Río de Monelos, 16) e Alita Comics (Rúa de Orzán, 94). Fóra da asociación, tamén participa nesta iniciativa Librería Nobel (Padre Feijoo, 1).